Un retrato de José Antonio Muñiz presidirá o salón de plenos de Negueira de Muñiz

O salón de sesións do Concello de Negueira de Muñiz acolleu un acto institucional no que foi presentado o retrato de José Antonio Muñiz Álvarez, figura clave no proceso de segregación do municipio lucense en 1928. A obra, realizada pola artista e veciña María Pérez Fernández, pasará a formar parte do patrimonio artístico e histórico da institución e ocupará desde agora un lugar destacado no salón de plenos.
O descubrimento do cadro tivo lugar antes da celebración da sesión plenaria ordinaria do 29 de xullo e contou coa participación do alcalde, José Manuel Braña Pereda, e da propia autora da obra.
Durante o acto, o rexedor destacou a relevancia histórica de José Antonio Muñiz Álvarez para o municipio e subliñou a importancia de preservar a memoria das persoas que contribuíron ao desenvolvemento e ao prestixio de Negueira de Muñiz ao longo da súa historia.
Así mesmo, Braña Pereda agradeceu o traballo realizado por María Pérez Fernández, autora dun retrato que pretende recoñecer e poñer en valor o legado dunha das figuras máis significativas da historia local. A incorporación da obra ao salón de plenos permitirá manter presente a memoria de quen foi considerado o principal artífice da creación do municipio tal e como se coñece na actualidade.