Un roteiro entre Castroverde e O Páramo reivindica a memoria, a paisaxe e o patrimonio histórico

LugoXa
A Asociación Amigos do Patrimonio de Castroverde combinou natureza, divulgación cultural e lembranza das persoas falecidas nunha xornada de convivencia
Amigos-patrimonio-Castroverde-No-comezo-do-roteiro-ao-pé-da-Azoreira--Furís
Actualizada el 16 junio 2026, 06:33 horas
13 Jun 2026

A Asociación Amigos do Patrimonio de Castroverde levou a cabo unha nova actividade de sendeirismo e divulgación cultural cun percorrido entre Furís e O Páramo que serviu para render homenaxe ás persoas que xa non están e, ao mesmo tempo, descubrir algúns dos recunchos máis singulares do territorio.

A ruta comezou na Azoreira e continuou por diferentes puntos da Serra do Puñago e o monte Cabanela, desde onde os participantes puideron contemplar amplas panorámicas dos límites do municipio de Castroverde e das comarcas veciñas. Ao longo do percorrido, os asistentes gozaron de vistas que abranguían desde os montes de Pol, Baralla e O Cádavo ata a cidade de Lugo, ademais de divisar terras do Páramo, Paradela e mesmo os relevos máis afastados de Triacastela. O trazado permitiu tamén observar parte das concas dos ríos Sil e Miño.

A xornada continuou coa chegada ao lugar da Eirexe, na parroquia de San Miguel de Páramo, onde os participantes visitaron a igrexa local. Durante a parada, tiveron ocasión de coñecer distintos elementos do templo, entre eles a súa imaxinería relixiosa, o adro e a pía bautismal, considerados de especial interese patrimonial.

Un dos momentos centrais da actividade foi a explicación ofrecida polo historiador Felipe Arias sobre os sartegos altomedievais descubertos hai anos durante as obras de reforma da casa reitoral da parroquia. Desde a asociación lamentaron que estes restos permanezan actualmente ocultos pola vexetación, polo que reclamaron medidas que permitan a súa conservación e posta en valor para facilitar o coñecemento deste legado histórico.

Os organizadores agradeceron a colaboración de Felipe Arias e de Iria Castro pola súa participación e acompañamento durante a visita.

A continuación, o grupo desprazouse ata Furís de Abaixo, onde foi recibido na Casa de Cantiz por César, continuando así unha tradición de hospitalidade que a asociación quixo recoñecer publicamente. O encontro rematou cun xantar de confraternidade entre os asistentes e cun emotivo recordo ás persoas falecidas. Tras o café, foi lido o poema "A amizade non ten prezo", do escritor Fernando Pessoa, como homenaxe aos amigos e compañeiros que xa non poden participar nestas actividades.

A iniciativa volveu combinar patrimonio, paisaxe e memoria colectiva nunha xornada marcada pola convivencia e polo compromiso coa conservación da historia local.

0.13332200050354