Un veciño de Monterroso solicita a intervención dos órganos fiscalizadores tras a aprobación da Conta Xeral de 2025

LugoXa
O reclamante presentou escritos ante o Consello de Contas, a Valedora do Pobo e o Tribunal de Contas cuestionando a tramitación do expediente e diversos aspectos contables recollidos nos informes municipais
concello-monterroso-edificio-2023
31 Jul 2026

O procedemento de aprobación definitiva da Conta Xeral do exercicio 2025 do Concello de Monterroso, debatido na última sesión plenaria ordinaria, motivou a presentación de varias reclamacións ante organismos de control financeiro e administrativo. O. P. V., único reclamante durante o período de exposición pública do expediente, formalizou este 31 de xullo tres escritos dirixidos ao Consello de Contas de Galicia, á Valedora do Pobo e ao Tribunal de Contas solicitando a revisión do proceso.

Segundo expón na documentación remitida a estas institucións, o Concello someteu a votación a Conta Xeral sen que tivese recibido previamente as resolucións técnicas ás alegacións que presentara no pasado mes de maio. As respostas emitidas polo Servizo de Contabilidade e pola Secretaría-Intervención foron notificadas telematicamente o venres 31 de xullo, un día despois da celebración do pleno no que se abordou a aprobación definitiva das contas.

O reclamante considera que esta situación lle impediu coñecer con antelación os criterios técnicos empregados pola administración local para responder ás súas alegacións, o que, ao seu xuízo, podería supoñer unha situación de indefensión procedemental ao non dispoñer da información antes da resolución do expediente.

A documentación remitida aos organismos fiscalizadores inclúe tamén os informes elaborados polos servizos municipais durante o mes de xuño, nos que se analizan distintas cuestións formuladas polo veciño. Entre elas figura a situación da conta correspondente ao inmobilizado material. Segundo o informe técnico contable, existe un saldo de 8.568.586,42 euros rexistrado na conta de inmobilizado en curso debido a un erro derivado da migración informática realizada no ano 2015. O documento indica que estas cantidades deberían ser reclasificadas ás correspondentes contas patrimoniais dos grupos 21 ou 22. Pola súa parte, o informe da Secretaría propón desestimar a alegación ao considerar que esta circunstancia non altera o balance global dos bens municipais.

Outro dos aspectos analizados refírese ao asento inicial de caixa. Os informes municipais recoñecen a existencia dunha discrepancia entre a acta de arqueo físico de final de exercicio e o saldo de apertura do orzamento, atribuída a un erro na aplicación informática SICAL. Segundo a explicación achegada, a liquidación orzamentaria e os estados patrimoniais foron elaborados sen verificar ese parámetro concreto.

En relación cos dereitos pendentes de cobro, o informe xurídico defende a permanencia no balance de débedas tributarias correspondentes aos exercicios 1999 e 2000. A argumentación baséase en que os servizos de recadación da Deputación de Lugo manteñen actuacións executivas abertas para a súa recuperación. Como exemplo, cítase o cobro recente dun recibo do Imposto sobre Bens Inmobles de natureza urbana correspondente ao ano 2002 por importe de 122,41 euros.

Á vista destas cuestións, O. P. V. solicitou formalmente aos órganos de control que requiran ao Concello de Monterroso o expediente completo da Conta Xeral de 2025 e que avalíen se tanto a tramitación administrativa como os balances aprobados polo pleno se axustan aos principios de transparencia, control e imaxe fiel establecidos na normativa das facendas locais.

0.12468099594116