Unha achega da Deputación dotará a Piornedo e Vilarguite de traída municipal de auga

LugoXa
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o alcalde do Concello de Cervantes, Benigno Gómez Tadín, asinaron no Pazo de San Marcos un convenio de colaboración polo cal a institución provincial achega máis de 90.
4 ene 2023

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o alcalde do Concello de Cervantes, Benigno Gómez Tadín, asinaron no Pazo de San Marcos un convenio de colaboración polo cal a institución provincial achega máis de 90.000€ para dotar de traída municipal de auga aos veciños e veciñas dos núcleos do Piornedo e Vilarguite. As obras están cofinanciadas polo Concello, que asume preto de 5.000€.

Tanto no núcleo de Vilarguite, na parroquia cervantega de Vilapún, como en Piornedo, situado na de Donís, contan na actualidade con traída privada que leva feita máis de 40 anos e ningunha das dúas reúne as condicións axeitadas. Os traballos proxectados consistirán na execución dunha captación e na súa condución ata o repartidor que servirá a auga aos depósitos existentes. O prazo de execución é de dous meses unha vez que se inicien os traballos.

O presidente da Deputación destaca a importancia desta actuación que dotará aos veciños do Piornedo e Vilarguite dun servizo público esencial, e subliñou o bo resultado que ten a colaboración entre administracións para a cidadanía, “para mellorar o día a día da xente, sobre todo nun ámbito tan importante como os servizos básicos”.

Tomé Roca sinalou que este convenio é unha mostra mais da “cooperación continua que mantemos co Concello de Cervantes e cos 67 municipios da provincia para que poidan prestar servizos públicos de calidade e eficientes aos seus veciños e veciñas”. Subliñou que a Deputación destinou un investimento de preto de 2,3M€ só no que vai de mandato, e “vamos a seguir nesta liña de colaboración”.