Unha alumna do CPR Cervantes de Lugo gaña a fase galega de ‘Que é un rei para ti?’

LugoXa
Resultou gañadora en Galicia deste certame polo seu traballo O carrusel de España
cpr_cervantes
cpr_cervantes
7 jun 2024

O director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, xunto coa coordinadora de Programas da Fundación Institucional Española (FIES), Victoria Revilla participou no acto no que se deu a coñecer o nome do gañador da fase autonómica da 43ª edición do concurso Que é un rei para ti?.

Abril Castro Purriño, alumna de 6º de Primaria do colexio CPR Cervantes de Lugo, resultou gañadora en Galicia deste certame polo seu traballo O carrusel de España, amosa todas as comunidades autónomas movéndose e xirando de xeito harmónico nun tío vivo encabezado polo monarca. A alumna vencedora asistirá, xunto co resto de representantes doutras rexións, a unha audiencia co rei Felipe VI e realizará unha visita ao Palacio Real.

En total tomaron parte da fase galega 1.218 traballos realizados procedentes de 109 centros educativos. O obxectivo do concurso é fomentar nos nenos e nenas de 8 a 13 anos unha primeira toma de contacto coa figura do monarca, coa historia da Coroa e o seu papel na sociedade actual. Pode participar nel todo o alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º de Educación Primaria, e de 1º e 2º de Educación Secundaria Obrigatoria

En liña coa transformación dixital que está a experimentar a sociedade, foméntase a presentación de traballos en novos formatos como infografías, proxectos ligados á robótica ou animación en 3D, xunto a outras formatos máis tradicionais (debuxo, escultura, redacción, etc.). No acto, realizouse tamén a exposición dos 40 traballos finalistas en Galicia, que amosan mediante a imaxinación, a creatividade, o talento e o esforzo, a particular visión do alumnado arredor da figura de Felipe VI.