Unha conferencia analiza o impacto dos videoxogos na saúde mental en Lugo

LugoXa
O psicólogo e investigador Juan Francisco Navas Pérez abordará os mecanismos de deseño que poden favorecer o uso problemático dos videoxogos nun acto aberto ao público na Casa do Saber
Formación videoxogos antas portada
10 Jun 2026

O Concello de Lugo organiza este mércores, 11 de xuño, a conferencia “Deseñados con trampas: como o deseño dos videoxogos afecta á saúde mental”, unha actividade incluída no VII Ciclo de Adiccións sen Substancias que pretende afondar nunha cuestión de crecente interese social: a relación entre os videoxogos, os hábitos de consumo e o benestar emocional das persoas usuarias.

A sesión estará a cargo de Juan Francisco Navas Pérez, profesor da área de Personalidade, Avaliación e Psicoloxía Clínica da Universidade Complutense de Madrid, investigador especializado en condutas adictivas e autor de numerosos traballos científicos relacionados coa psicoloxía aplicada aos xogos de azar. Ademais, é coautor de publicacións de referencia neste ámbito, entre elas o libro Trampas.

Durante a conferencia analizaranse os mecanismos presentes no deseño de determinados videoxogos e a influencia que estes poden exercer sobre o comportamento dos usuarios, así como as posibles consecuencias derivadas dun uso problemático destas plataformas de lecer dixital.

A actividade está especialmente dirixida á mocidade, ás familias, aos profesionais da educación e a todas aquelas persoas interesadas en comprender mellor os factores que poden influír na aparición de hábitos de consumo pouco saudables e no seu impacto sobre a saúde mental.

O encontro celebrarase ás 18.00 horas no salón de actos da Casa do Saber da Universidade de Santiago de Compostela en Lugo. A asistencia será gratuíta e con entrada libre ata completar a capacidade da sala.

As persoas interesadas en participar ou obter máis información poden contactar co servizo organizador a través do teléfono 982 297 498 ou consultar os detalles da actividade na páxina web de Lugo +XTI.

0.1402759552002