Unha degustación de tenreira e leite marcou a xornada de protesta dos gandeiros da provincia en Lugo

Lugo acolleu este sábado unha nova xornada de mobilizacións do sector agrogandeiro en protesta polo acordo comercial entre a Unión Europea e Mercosur, recentemente asinado. A iniciativa, promovida por Agromuralla e Gandeiros Galegos da Suprema, incluíu durante a noite unha degustación gratuíta de tenreira e leite fronte ao edificio da Xunta de Galicia, coa intención de visibilizar a realidade do sector primario e advertir das consecuencias que o pacto pode ter para as explotacións galegas.
As protestas cobran especial relevancia a partir das 22.00 horas que é cando os gandeiros atopan tempo, unha vez atendidas as súas explotacións. Xa o venres pola noite houbo unha foliada e nesta degustación asouse a carne en plena rúa o que obrigou a cortar o tráfico nesa zona da Ronda.
A xornada desenvolveuse de maneira maioritariamente tranquila, aínda que ao longo da tarde os tractores percorreron diversas rúas da cidade e estradas da contorna, o que provocou importantes retencións de tráfico en varios puntos do casco urbano. A mobilización serviu tamén como punto de información para a cidadanía, coa vontade de explicar os posibles efectos do acordo tanto para o sector produtor como para os consumidores.
Os actos reivindicativos continuarán nos vindeiros días. Entre eles, destaca unha nova acción convocada pola cooperativa A Carqueixa, que agrupa a máis de 200 familias gandeiras dos Ancares dedicadas á cría de vacún. A entidade organizará unha degustación de produtos elaborados con carne de tenreira o próximo martes, ás once da mañá, diante do edificio da Xunta, como mostra de apoio ás reivindicacións do sector e para achegar a realidade do campo á poboación urbana. O que quedou desconvocada foi a manifestación prevista para este domingo, de Elas Eles, "por discrepancias", previsiblemente cos outros grupos de manifestantes, cos que tiveron xa desacordos.
As protestas tiveron especial incidencia tamén na provincia de Ourense, onde máis de 80 tractores chegaron a cortar a estrada N-120, unha das principais vías de acceso á cidade e de comunicación co sur de Lugo. Ademais, rexistráronse outros actos simbólicos de protesta nas entradas á cidade, no marco dunha mobilización que continuará de forma indefinida ata que se esclarezan as consecuencias do acordo con Mercosur para o futuro do sector agrogandeiro galego.