Unha empresa da Pontenova acude a unha feira de cooperativistas en Madrid
A deputada provincial de Medio Rural, do Mar e Mocidade, Mónica Freire Rancaño asistiu á XI Edición da Feira Fruit Attraction, que se celebra nas instalacións de IFEMA en Madrid, onde aproveitou para visitar os stands das empresas e cooperativas galegas asistentes ao evento, para interesarse polas súas iniciativas e demandas. Ao evento acudiu tamén o responsable da empresa SAT Labregos de Lugo da Pontenova.
A deputada mariñá sinalou que “o sector hortofrutícola galego está ofrecendo posibilidades de instalación no rural de mozas e mozos que atopan nas producións de horta, nas froiteiras, flores e plantas vivas un modo de vida digno e sostible. Igualmente contamos con empresas e cooperativas agrarias punteiras onde a calidade dos seus produtos é destacada e moi apreciada. Temos que ser capaces de aproveitar eventos como este, para anticiparnos ás novas tendencias de mercado e apoiar ao nosos sectores produtivos tan importantes para poder seguir mantendo vivo o rural da provincia de Lugo e do resto de Galiza.”
Fruit Attraction é o evento comercial máis importante dentro do territorio español, para facilitar o encontro entre a oferta e a demanda hortofrutícola internacional no que participan 1.800 empresas e 90.000 profesionais de 130 países. Á potente participación europea de países comunitarios como Holanda, Francia, Italia, Reino Unido, Portugal ou Polonia, cun forte crecemento de Grecia, hai que engadir a presenza de países non comunitarios como Chile, Brasil, Perú, Costa Rica, Colombia, Arxentina, Sudáfrica, Emiratos Árabes e Ecuador.
O salón conta cun programa intenso de xornadas técnicas: Biofruit Congress, World Fresh Forum, IV Congreso Internacional da froita de óso, Ecorganic Market, The Innovation Hub, Foro Innova, espazo Smart Agro, centrado na aplicación de novas tecnoloxías e conectividade, a área Nuts Hub (destiñada aos froitos secos) e Flower & Garden Attraction para o sector profesional comercializador de flores e plantas vivas.
Na presente edición a tendencia de desenvolvemento atópase nos productos frescos de conveniencia (IV e V gama), novos formatos de envasado, packaging e sostenibilidade, ecommerce, dixitalización, renovación tecnolóxica, transferencia de coñecemento en biotecnoloxía.
Na esquerda da fotografía vese a Manuel Rodriguez, copropietario da empresa
SAT Labregos de Lugo, na Pontenova, adicada á produción de produtos de
horta en extensivo; no centro da imaxe está Mónica Freire e á dereita, Fernado Veiga, xerente de
Cooperativa Hortofrutícola Horsal.