Unha mostra de carteis de Bachs e unha homenaxe a Baños Films abren a 46ª Semana de Cine de Lugo

LugoXa
A Semana de Cine de Lugo ofrecerá un total de 147 películas, repartidas en cinco espazos da cidade
inauguración-46ª-Semana-de-Cine-de-Lugo
24 sep 2024

A cidade de Lugo deu comezo á 46ª Semana de Cine cunha emotiva homenaxe á distribuidora cinematográfica Baños Films, pioneira na industria do cinema en Galicia. No acto, celebrado no Paseo do Cine, situado na entrada do Parque da Milagrosa, participaron Maite Ferreiro, concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, e Iria Castro, deputada de Cultura, Patrimonio Histórico Artístico e Normalización Lingüística. A placa homenaxe recoñece os máis de 70 anos de historia desta empresa, que foi fundamental para o desenvolvemento do cinema no país.

O evento abre oficialmente a programación da Semana de Cine, que tivo a súa inauguración oficial no Auditorio Gustavo Freire coa proxección da película A maxia da Música. O acto contou ademais coa actuación musical da banda Sons e Soños. Paralelamente, a Biblioteca Pública da Xunta de Galicia en Lugo acolle unha exposición de carteis de cine cubano creados polo recoñecido deseñador Eduardo Muñoz Bachs. A mostra, organizada polo grupo cinematográfico Fonmiñá, permanecerá aberta ata o 12 de outubro.

Bachs, nado en Valencia en 1937 e trasladado a Cuba de moi novo, é unha figura clave na historia da gráfica cubana, especialmente no ámbito cinematográfico, para o que realizou máis de mil carteis ao longo da súa carreira. A Semana de Cine de Lugo ofrecerá un total de 147 películas, repartidas en cinco espazos da cidade, incluíndo a Biblioteca Pública e a Delegación Territorial da Xunta. A programación inclúe ciclos dedicados ao cinema español inédito e ás producións galegas, o que promete unha ampla variedade de contidos para os amantes do sétimo arte.

0.17871499061584