Unha praga de roedores na Oficina Municipal de Turismo leva o BNG a reclamar medidas de seguridade

LugoXa
Maite Ferreiro pide unha inspección das instalacións e tratamentos de desratización para garantir o benestar do persoal e das persoas usuarias
oficina-de-turismo-Lugo-portada
11 Sep 2026

O BNG reclama ao Goberno municipal que adopte as medidas necesarias para garantir a seguridade do persoal e das persoas usuarias da Oficina Municipal de Turismo, despois de ter coñecemento, segundo sinala a formación, da continuidade dunha praga de roedores nas instalacións.

A edil do BNG Maite Ferreiro pide ao Concello que actúe "con responsabilidade" e que as medidas que se adopten "deben garantir o benestar de persoal e de visitantes". A concelleira considera necesario avaliar se a situación denunciada pode supoñer algún risco para as persoas que traballan ou acoden á oficina. "O Concello, como xa fixemos desde o BNG no pasado, ten que valorar se a nova praga de roedores supón algún tipo de risco para o persoal ou as persoas visitantes", afirmou.

Desde o grupo municipal consideran que a prioridade debe ser preservar a saúde e a seguridade das persoas e, neste sentido, demandan que se realice unha inspección técnica das instalacións para determinar se existen condicións que permitan continuar coa actividade con normalidade.

O BNG pide tamén que se apliquen de inmediato os tratamentos de desratización que sexan necesarios, así como medidas complementarias de limpeza, o selado das posibles vías de acceso e a revisión dos espazos nos que se almacenan materiais ou produtos.

A formación reclama que estas actuacións non se limiten a unha intervención puntual, senón que vaian acompañadas dun seguimento posterior que permita comprobar a súa eficacia e avaliar a evolución da situación denunciada.

0.15620493888855