Unha proxección sobre o alzhéimer dá inicio á cuarta edición de Ciencia á Feira

A deputada Iria Castro participou na presentación da cuarta edición do programa Ciencia á Feira, do grupo de innovación docente Xuvenciencia, que conta coa colaboración da Área de Medio Rural, Mar e Mocidade da Vicepresidencia da Deputación. Xunto á deputada tamén interviron Mercedes Novo, investigadora principal do proxecto; Iria Franco, vicepresidenta de AFALU; Elvira Fernández, secretaria xeral da Subdelegación do Goberno en Lugo, e Roberto Bande, vicerreitor de coordinación do Campus de Lugo.
Nesta nova edición, o proxecto segue dando a coñecer á cidadanía as investigacións que se desenvolven no Campus de Lugo arredor dos desafíos aos que se enfronta o medio rural. Este ano incorpóranse tres liñas de traballo de especial relevancia social: a soberanía alimentaria, os incendios forestais e o alzhéimer.
Esta última liña foi a protagonista do acto, coincidindo co Día Internacional do Alzhéimer, coa proxección Alzhéimer: coñecer para previr e acompañar. O vídeo, realizado en colaboración con AFALU, combinando a perspectiva social e dos coidados coa divulgación dos estudos das diferentes áreas da Universidade.
A deputada de Cultura valorou “o acerto das temáticas escollidas para esta edición, xa que abordan cuestións que terán unha relevancia crecente para a sociedade e contribúen, desde o coñecemento científico, a fomentar o pensamento crítico” e remarcou "a necesidade de socializar o coñecemento que se xera na Universidade para unha comprensión máis ampla da importancia da investigación e do investimento en investigación".
A Vicepresidencia da Deputación vén colaborando de forma continuada cos proxectos de divulgación científica do Campus de Lugo, dando soporte económico a iniciativas como Ciencia á Feira e Lambiscadas Científicas. A área de Rural, Mar e Mocidade destinou 17.500 euros ao desenvolvemento deste proxecto divulgativo.