Unha xornada reivindica o papel da muller na identidade gastronómica en Friol

LugoXa | TerraChaXa
O Museo Fortaleza San Paio de Narla acolle esta tarde de martes, 7 de abril, unha xornada con showcooking, relatorios e participación do público arredor da memoria culinaria feminina
Museo-San-Paio-de-Narla-Friol
7 Apr 2026

O Consello da Cultura Galega e a Rede Museística Provincial de Lugo organizan de forma conxunta o encontro “As mans invisibles: a muller na construción da identidade gastronómica”, unha xornada que porá o foco no papel histórico e actual das mulleres na gastronomía galega.

O evento celebrarase o martes 7 de abril, entre as 15:00 e as 20:00 horas, no Museo Fortaleza San Paio de Narla, un espazo que servirá como escenario simbólico para reflexionar sobre a tradición culinaria e a transmisión de saberes.

A xornada dividirase en dúas partes. Na primeira, desenvolverase unha “cociña aberta” a cargo de Lucía Freitas, cociñeira e propietaria do restaurante A Tafona, en Santiago de Compostela. Esta sesión incluirá un showcooking-degustación centrado na reprodución de receitas históricas da zona, recuperadas dos arquivos da RMPL.

A segunda parte consistirá nun encontro con distintas relatoras que abordarán, desde perspectivas académicas e populares, o papel da muller na construción da identidade gastronómica. Entre as participantes figuran a propia Lucía Freitas, Montse Castiñeira, Chelo López, Ángeles Romero e Eva Cabanelas, ademais de integrantes do Programa de Arte e Benestar da RMPL. A moderación correrá a cargo de Encarna Lago.

O debate xirará arredor de cuestións como a invisibilización histórica da muller na gastronomía, a economía do coidado e da alimentación no contexto histórico, o liderado feminino actual no sector ou a soberanía alimentaria. Tamén se abordará o papel dos receitarios e a creatividade como ferramentas para recuperar voces tradicionalmente silenciadas.

Ademais, o encontro incluirá unha dinámica participativa co público asistente, orientada á recollida de testemuñas orais e receitas tradicionais conservadas grazas á transmisión das mulleres, contribuíndo así á preservación do patrimonio inmaterial.

0.098626136779785