Unha xornada valora a hemodiálise domiciliaria para mellorar a calidade de vida dos pacientes renais

A II Reunión de Hemodiálise Domiciliaria abriu no Pazo de San Marcos, nun encontro organizado polo servizo de Nefroloxía do Hospital Universitario Lucus Augusti que reúne a numerosos especialistas de toda España para abordar os avances e desafíos desta técnica asistencial enfocada en mellorar a calidade de vida das persoas con enfermidades renais.
Na inauguración participou o deputado provincial Pablo Rivera Capón, quen destacou a importancia desta modalidade de tratamento ao sinalar que “a hemodiálise domiciliaria representa algo moi importante, porque devolve autonomía, devolve tempo e permite que moitas persoas recuperen parte da súa vida cotiá”. Ademais, subliñou que, máis alá dos avances tecnolóxicos e clínicos, esta técnica “ten unha enorme transcendencia humana”.
O deputado puxo o foco tamén na realidade territorial da provincia de Lugo, indicando que este avance cobra unha relevancia especial nun territorio no que moitas persoas deben percorrer longas distancias para recibir atención sanitaria. “Coñecemos ben o valor de achegar os servizos ás persoas. Coñecemos o que supón percorrer quilómetros para recibir atención sanitaria. E coñecemos tamén a importancia que ten poder manter estabilidade, benestar e calidade de vida no propio fogar”, afirmou.
Nesta liña, Rivera Capón reiterou o compromiso da institución provincial cun modelo de servizos públicos forte e accesible. “Unha sociedade avanzada constrúese fortalecendo os servizos públicos e coidando a quen coida. Por iso cremos profundamente nunha sanidade pública de calidade, innovadora, próxima e con capacidade para chegar a todas as persoas, vivan onde vivan”, asegurou.
O programa da reunión cénrase nos principais retos e oportunidades da hemodiálise domiciliaria. Durante esta primeira xornada abordáronse cuestións como o papel da hemodiálise domiciliaria asistida, os programas de pacientes expertos e de autoaxuda, así como o impacto do manexo dietético, especialmente no control do potasio e do fósforo.
A segunda sesión continuará mañá no salón de actos do HULA, onde se profundará no acceso vascular para hemodiálise domiciliaria desde diferentes perspectivas profesionais, incluíndo a médica, a de enfermaría, a de cirurxía vascular e tamén a visión dos propios pacientes.