Unións Agrarias reclama á Xunta medidas urxentes ante os danos do xabaril nos Ancares

LugoXa
Os gandeiros de Noceda e Cereixedo denuncian perdas nos prados destinados á produción de forraxes e alertan tamén do risco sanitario para o gando
xabaril-tecor-terra-cha
15 Sep 2026

Os gandeiros das parroquias de Noceda e Cereixedo, no concello de Cervantes, denuncian os continuos danos que as mandas de xabarís están causando nos terreos agrícolas situados dentro da Reserva Nacional de Caza dos Ancares. Unións Agrarias reclama á Xunta de Galicia, responsable da xestión deste espazo, que incremente as medidas de control e prevención para evitar novas perdas nas explotacións.

A presenza dos animais está afectando especialmente aos prados destinados á obtención de forraxes e ás parcelas empregadas para o ensilado de herba. Segundo explica a organización agraria, as mandas entran nos terreos, removen o solo e destrúen a cuberta vexetal, chegando a deixar algunhas parcelas sen posibilidades de ser aproveitadas para a colleita.

Esta situación obriga ademais os produtores a asumir gastos adicionais para garantir a alimentación do gando, polo que aos danos directos nos cultivos se suma o impacto económico sobre unhas explotacións que dependen destes terreos para a súa actividade habitual.

Risco tamén para a saúde do gando

Unións Agrarias advirte igualmente do posible risco sanitario derivado do aumento do contacto entre fauna salvaxe e animais domésticos, especialmente nas explotacións que practican o pastoreo extensivo. A organización sinala que a interacción entre animais salvaxes sen control sanitario e o gando pode incrementar o risco de transmisión de enfermidades e complicar a xestión sanitaria das explotacións.

O problema, segundo UUAA, intensifícase durante a tempada de caza, cando as mandas de xabarís buscan refuxio dentro dos límites da Reserva de Caza dos Ancares. A organización considera que esta circunstancia pode favorecer a concentración dos animais precisamente en zonas nas que o control da fauna depende da planificación e xestión da Administración autonómica.

Por este motivo, Unións Agrarias pide á Xunta que revise os criterios actuais de xestión do xabaril na reserva, reforce as medidas preventivas e poña en marcha mecanismos que permitan reducir de forma efectiva a presión sobre as explotacións afectadas.

A entidade agraria defende que a protección da fauna salvaxe debe ser compatible coa continuidade da actividade agrogandeira, que considera fundamental para manter poboación nos Ancares, xestionar a biomasa e conservar unha paisaxe rural activa fronte ao abandono.

Ao mesmo tempo, técnicos de Unións Agrarias están a recompilar e analizar a documentación achegada polas explotacións afectadas para cuantificar os danos e estudar a posible presentación de reclamacións de responsabilidade patrimonial ante a Administración autonómica, como responsable da xestión cinexética destes terreos.

A organización insiste na necesidade de abordar a xestión da fauna desde unha perspectiva global que permita compatibilizar a conservación ambiental coa actividade gandeira e coa continuidade das explotacións no territorio.

0.10506296157837