Uns 240 clubs recibirán as axudas para actividade competitiva da Vicepresidencia da Deputación de Lugo

Máis de 240 clubs e entidades deportivas da provincia recibirán as axudas para actividade competitiva da
Vicepresidencia da Deputación de Lugo. O Boletín Oficial da Provincia publica hoxe a resolución provisional da convocatoria cun orzamento total de 660.000 euros, que se distribúen así entre o tecido deportivo de toda a provincia.
O importe das achegas oscila entre os 800 e os 6.000 euros, en función dos criterios establecidos nas bases da convocatoria, que ten en conta o rendemento deportivo, a incidencia social do club, o ámbito territorial, os anos de creación da entidade ou o persoal contratado, ademais de primar, de forma transversal, aos clubs con equipos mixtos, femininos ou con persoas con capacidades diferentes.
O vicepresidente Efrén Castro destacou que “se trata da principal liña de investimento da área de Deportes e da convocatoria de concorrencia competitiva con maior dotación orzamentaria das que se realizan desde a Deputación de Lugo, unha mostra do compromiso desta institución coa promoción do deporte”. “É un dos recursos fundamentais para o mantemento do tecido deportivo, especialmente dos clubs de base e amateur que facilitan o acceso ao deporte e promoven a actividade física en todo o
territorio”.
Coa publicación da resolución no BOP, ábrese un prazo de 10 días para presentar alegacións.