Urbanismo esixe á Xunta toda a documentación xerada ao respecto do PXOM
A concelleira de Urbanismo, Paula Alvarellos, remitiu esta mañá unha comunicación á consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas na que esixe á Xunta toda a posible documentación xerada ao respecto do PXOM de Lugo desde a solicitude de rexistro efectuada pola Administración local o pasado mes de xullo. “Ante a falta de comunicación oficial por parte do ente autonómico, e a raíz da filtración de informacións oficiosas aos medios de comunicación que están a xerar inseguridade entre a veciñanza, o Concello vaise persoar para poder acceder á información que a Xunta non nos facilita”, sinalou a edil.
Así mesmo, Alvarellos lembrou que o pasado 27 de xullo solicitou o rexistro inmediato do Plan Xeral para que a súa entrada en vigor fora efectiva, posto que o proceso de tramitación administrativa está xa rematado. “Todo o que sabemos ao respecto do estado do rexistro do PXOM é o que Executivo galego filtra aos medios de comunicación nun acto de deslealdade institucional sen precedentes na nosa cidade. Non consta nin un só requirimento de documentación, nin ningunha petición de subsanación de erros, nin moito menos ningunha petición de reunión, ben técnica ou política, efectuada por parte da Xunta ao respecto do Plan Xeral. Sospeitamos que todo forma parte dunha campaña orquestrada para intentar obter rédito electoral convertendo un documento clave para o futuro da cidade nunha arma arreboladiza e nunha batalla entre administracións na que usa aos veciños e veciñas de Lugo como reféns”, sinalou.
A este respecto a alcaldesa de Lugo, Lar Méndez, sinalou esta mañá que non se pode consentir que se faga un uso partidista das institucións galegas e esixiu á consellería que traballe co rigor e a lealdade institucional necesaria para que dunha vez por todas, e ao marxe de bloqueos, Lugo conte cun documento pechado que permita seguir avanzado no crecemento da cidade. “O máximo interesado en aprobar este Plan Xeral é o Concello de Lugo. Non queremos confrontar, queremos que entre en vigor o Plan Xeral, así que a nosa man está tendida”, concluíu a rexedora.