USC, Caixa Rural Galega e a CEL renovan o seu convenio para impulsar a innovación e a transferencia de coñecemento en Lugo

A Universidade de Santiago de Compostela (USC), Caixa Rural Galega e a Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) renovaron o convenio de colaboración que mantén unidas ás tres entidades para promover a investigación, a innovación e a transferencia de coñecemento entre o Campus de Lugo e o tecido empresarial da provincia.
A sinatura do acordo tivo lugar no Pazo de Montenegro e contou coa participación da reitora da USC, Rosa M. Crujeiras; do presidente de Caixa Rural Galega, Manuel Varela López, e do secretario xeral da CEL, Jaime L. López Vázquez.
O convenio busca reforzar a cooperación entre o ámbito universitario e o empresarial para favorecer o desenvolvemento económico da provincia mediante a investigación, a innovación e a creación de proxectos de alto valor engadido. Entre as actuacións previstas figuran a difusión das convocatorias de I+D+i entre o profesorado do Campus de Lugo, o impulso á captación de recursos para áreas estratéxicas, o apoio á creación de empresas de base tecnolóxica xurdidas da investigación universitaria, o fomento do emprendemento estudantil e a divulgación dos resultados dos proxectos desenvolvidos no campus lucense.
No marco deste acordo, Caixa Rural Galega achega unha dotación económica de 50.000 euros. Pola súa banda, a USC comprométese a facilitar instalacións, persoal investigador e a transferencia de coñecemento cara á sociedade e ao tecido produtivo, mentres que a CEL asumirá a difusión da oferta tecnolóxica dos grupos de investigación do Campus de Lugo entre as empresas asociadas e colaborará na procura de socios empresariais para novos proxectos.
Durante o acto, a reitora destacou que esta colaboración representa unha forma de entender a relación entre universidade, empresa e sociedade baseada na confianza, na cooperación e no compromiso compartido co progreso e co desenvolvemento do territorio. Ademais, puxo en valor o papel do Campus de Lugo como motor de innovación e de crecemento económico para a provincia e para Galicia.
A colaboración entre as tres entidades remóntase ao ano 1995, cando a Universidade de Santiago de Compostela, Caixa Rural Galega e a Confederación de Empresarios de Lugo decidiron unir esforzos para impulsar actividades de investigación tecnolóxica que achegasen o coñecemento xerado na universidade ás necesidades reais das empresas. Desde entón, o convenio foi renovándose periodicamente, consolidándose como unha ferramenta para fortalecer a innovación empresarial, mellorar a competitividade e favorecer a creación de emprego cualificado na provincia.