USC e Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas renovan o convenio para financiamento de estudos predoutorais

GaliciaXa | LugoXa
A sinerxía entre ambas as entidades dá pulo á formación de persoal investigador na Universidade de Santiago de Compostela
firma-convenio-caixa-rural-usc-notario-vacas
23 Oct 2026

A USC e a Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas renovaron este xoves 22 a súa colaboración mediante un convenio destinado á financiación de dous contratos predoutorais, unha iniciativa orientada a promover a formación de persoal investigador e a apoiar proxectos científicos de excelencia vinculados a ámbitos estratéxicos para Galicia.

En representación da Universidade de Santiago de Compostela asistiron o vicerreitor de Coordinación do Campus de Lugo, Planificación Económica e Infraestruturas, Roberto Bande Ramudo; e a directora do Campus Terra, Marta Miranda. O acto desenvolveuse na sede de Caixa Rural Galega e contou coa participación do presidente da Fundación, Tomás Notario Vacas; do presidente de Caixa Rural Galega e vicepresidente da Fundación, Manuel Varela López; así como doutros membros do Padroado, entre os que se atopaba o patrón Alberto Cepeda Sáez.

O convenio permitirá financiar durante tres anos dous contratos predoutorais para investigadores en formación matriculados en programas de doutoramento da USC, contribuíndo á captación e retención de talento investigador e ao fortalecemento da capacidade científica da universidade galega.

A convocatoria está orientada ao desenvolvemento de proxectos de investigación en áreas de especial relevancia para Galicia, entre elas a agricultura sostible e a produción vexetal, a saúde e produción animal, a alimentación segura e saudable, a xestión forestal sostible, a biodiversidade, o cambio climático e o desenvolvemento económico e social do medio rural.

Ademais da contratación do persoal investigador, o programa contempla a posibilidade de realización de estadías en centros estatais e internacionais de prestixio, favorecendo a internacionalización da investigación e a adquisición de novas competencias científicas. Durante o acto, os e as representantes de ambas as institucións destacaron a importancia de reforzar a colaboración entre universidade e sociedade para avanzar na xeración de coñecemento e na procura de solucións innovadoras aos retos actuais.

Con este acordo, dotado cun importe total de 171.783,36 euros, a Fundación Caixa Rural Galega Tomás Notario Vacas reafirma a súa aposta pola investigación, a formación e a innovación como ferramentas fundamentais para o progreso económico e social de Galicia. Esta iniciativa enmárcase na vocación da Fundación de apoiar proxectos que contribúan ao desenvolvemento do territorio, á mellora da competitividade dos sectores produtivos galegos e á creación de oportunidades para as novas xeracións.

0.1703200340271