Usuarios da residencia das Gándaras volven mobilizarse para reclamar intimidade e unhas condicións de vida dignas

GaliciaXa | LugoXa
Montse Valcárcel e Cristina López participaron na protesta das persoas usuarias contra a reforma prevista no centro
mobilización-residencia-As-Gándaras-Lugo-BNG
9 May 2026

A deputada do BNG no Parlamento galego, Montse Valcárcel, acompañada pola representante do BNG en Lugo, Cristina López, participou na mobilización das usuarias e usuarios da residencia das Gándaras para reclamar unhas condicións de vida dignas e o respecto á súa intimidade persoal.

Valcárcel afirmou que “as persoas residentes nas Gándaras teñen dereito a vivir con tranquilidade e respecto, nun entorno que lles garanta intimidade e calidade de vida, especialmente tratándose de persoas maiores ou con problemas de saúde e mobilidade”. A deputada nacionalista trasladou ás persoas afectadas o apoio do BNG e asegurou que “é unha reclamación xusta”, ao tempo que avanzou que a formación levará a problemática ao Parlamento “para forzar ao Goberno a modificar a reforma prevista no centro”.

O BNG conseguiu ademais o apoio unánime do Parlamento galego para abrir un espazo de diálogo coas usuarias e usuarios da residencia das Gándaras respecto das obras de remodelación previstas no centro, co obxectivo de escoitar as súas opinións e preferencias. “Seguimos traballando para que este proceso se realice atendendo ás reclamacións da veciñanza”, sinalou Valcárcel.

Segundo denuncian as persoas residentes, as obras previstas pola Xunta de Galiza no centro suporán cambios que merman o dereito á intimidade e á privacidade, especialmente no caso das persoas que comparten habitación, que representan a maioría das prazas existentes.

A residencia das Gándaras comezou a funcionar no ano 1981 e conta na actualidade con 218 prazas, das que 160 corresponden a habitacións dobres. As usuarias critican que o proxecto da Xunta non contempla a creación de máis habitacións individuais, senón unha reorganización dos espazos que reduciría a superficie actual e deixaría as camas separadas unicamente por unha mesiña de noite.

0.12682294845581