Uxía Folgueira representa a España no Mundial de Kárate Cadete, Júnior e Sub-21 en Polonia

GaliciaXa | LugoXa
A deportista da Escola Deportiva Shihan xa se atopa en Bielsko-Biała, onde se celebra do 14 ao 18 de outubro unha competición que reúne máis de 2.000 karatecas de 114 países
Uxía-Folgueira-Escola-Deportiva-Shihan
14 Oct 2026

A lucense Uxía Folgueira González, da Escola Deportiva Shihan, xa está en Polonia para participar no Campionato do Mundo de Kárate WKF nas categorías cadete, júnior e sub-21, que se disputa do 14 ao 18 de outubro na cidade de Bielsko-Biała. A cita reúne máis de 2.000 deportistas procedentes de 114 países, que competirán polas medallas nas diferentes modalidades e categorías de idade.

A Real Federación Española de Kárate (RFEK) convocou para esta competición algúns dos principais talentos da canteira nacional, tanto en kata como en kumite. O campionato constitúe unha das principais citas internacionais para os karatecas máis novos.

O calendario distribúe as competicións en función da idade dos participantes. Os deportistas sub-21 son os primeiros en entrar en acción, este mércores 14 de outubro, mentres que os júnior comezarán a competir o día 15 e os cadetes farano a partir do venres 16.

As finais das categorías cadete e júnior están previstas para o sábado 17, mentres que a competición concluirá o domingo 18 coas finais sub-21.

A presenza de Uxia Folgueira González nesta cita mundial supón unha oportunidade para medirse con deportistas de todo o mundo nun campionato que reúne as novas promesas internacionais do kárate.

0.14949607849121