Valentín García reivindica a Ramón Piñeiro como "un dos arquitectos da Galicia moderna"

GaliciaXa | LugoXa | SarriaXa
O secretario xeral da Lingua participou xunto á alcaldesa de Lugo, Elena Candia, na primeira xornada de pensamento galego 'Saudade de Ramón Piñeiro', dedicada a afondar nas distintas dimensións da súa figura
Xornadas-Pensamento-Galego-Ramon-Piñeiro-Lugo
6 Nov 2026

O secretario xeral da Lingua, Valentín García, reivindicou a figura de Ramón Piñeiro como "un dos arquitectos da Galicia moderna" pola súa contribución ao deseño e impulso de institucións fundamentais para a vida cultural e intelectual galega. Fíxoo durante a primeira xornada de pensamento galego 'Saudade de Ramón Piñeiro', na que participou xunto á alcaldesa de Lugo, Elena Candia.

García destacou que Piñeiro tivo "unha vida intensa nun tempo intenso", marcado por profundas transformacións políticas, sociais e culturais, e puxo en valor a súa pegada na construción da Galicia contemporánea.

Pola súa banda, Candia sinalou que falar de Ramón Piñeiro é facelo dunha maneira de entender Galicia desde o pensamento, o diálogo e a palabra. A rexedora defendeu a vixencia do seu legado e a importancia de crear espazos para debater, contrastar ideas e construír pensamento propio.

A programación da xornada inclúe intervencións sobre as distintas dimensións da figura de Piñeiro, desde a familiar e académica ata a política, filosófica e lingüística. Candia concluíu que recuperar figuras como a súa permite atopar ferramentas para comprender mellor o presente e seguir valorando a lingua, a cultura e o patrimonio intelectual de Galicia.

0.16201090812683