Valentín García será o pregoeiro virtual do Belén de Begonte
Valentín García Gómez, Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, vai ser o primeiro pregoeiro virtual do Nadal en Begonte, que organiza o centro cultural José Domínguez Guizán, impulsor do Belén Electrónico desde o ano 1972.
Nesta edición XLIX do Nadal begontino, o Belén só se poderá ver de xeito virtual, a través da web www.belendebegonte.es, para o que a Fundacion Tic da Deputación Provincial de Lugo está preparando unha produción en tempo real para poder ser vista do mesmo xeito que se se asistise ao funcionamento do Belén na súa sede begontina.
Tamén virtual vai ser o pregón do Nadal -o primeiro pregón virtual da historia do Belén e do Nadal begontino- que se gravará no mesmo lugar este xoves, ás 13,00 horas, para logo ser difundido por Internet.
Agárdase poñer en marcha a actual edición de O Nadal de Begonte a mediados do presente mes.