Vanessa Ares revalidou o seu título como campiona Galega de Kickboxing
A focega, Vanessa Ares, proclamouse unha vez máis campiona Galega de Kickboxing.
Así, foi recibida no Concello de Foz para amosar o froito do seu esforzo, o cinturón de campiona, e acompañada de Ismael Entrena, que tanto a apoiou en adestramentos e no campionato, charlaron co alcalde, Fran Cajoto.
Orgullosas/os nós, que seguimos e sentimos o seu traballo diario.
"Ofreceu o galardón a todo o pobo porque con cada meta que logra é máis consciente do agarimo, respecto e admiración que lle amosamos", di o alcalde.
Neste último ano, Ares fundou o seu club, Foz Contact Ari, organizou a II Velada de Kickboxing, gañou o trofeo á mellor adestradora de kickboxing e, revalidou o seu título como Campiona Galega de Kickboxing.
"Nós quixemos entregarlle un pequeno agasallo que cremos que o resume: unha fotografía tomada durante a última velada celebrada en Foz, na que o alumnado do seu club a mantea logo de gañar unha nova loita", remata o alcalde.
O 2 de maio terán a oportunidade de vela en acción, xunto con algúns dos seus alumnos, na que será a III Velada de Kickboxing Foz Fighters.