Varios alcaldes suman forzas para apoiar a Alcoa

TerraChaXa | LugoXa
Os alcaldes do PP de A Mariña asistiron a unha reunión co comité de empresa de Alcoa-San Cibrao.
4 Out 2019

Os alcaldes do PP de A Mariña asistiron a unha reunión co comité de empresa de Alcoa-San Cibrao. No encontro púxose de manifesto a total sintonía entre os representantes dos traballadores e os rexedores populares en canto ás medidas a adoptar e os obxectivos a conseguir para garantir o futuro de Alcoa. Os alcaldes tamén se mostraron en total acordo e apoiarán en todo o necesario as mobilizacións programadas. Na reunión, por parte do Partido Popular, estiveron os rexedores de Mondoñedo, Elena Candia; Xove, José Demetrio Salgueiro; Cervo, Alfonso Villares, e Vicedo, José Jesús Novo. 

O obxectivo principal dos representantes dos traballadores e dos alcaldes do PP en A Mariña é que, de maneira urxente,  se fixe un prezo asumible da enerxía eléctrica para as empresas que son grandes consumidoras, como é o caso de Alcoa-San Cibrao. É unha decisión política que corresponde en exclusiva ao Goberno central. Igualmente, dentro deste mesmo obxectivo, figura que o Estado pague as axudas correspondentes para compensación dos custes indirectos por CO2, como medida de apoio ás empresas.

O comité de empresa apoia a decisión dos alcaldes do PP de presentar mocións centradas unicamente en instar ao Goberno central na cuestión enerxética, é dicir, no prezo da enerxía para as empresas que son grandes consumidoras de electricidade.

Por outro lado, os alcaldes do PP de A Mariña comprometéronse a presionar para lograr que a ministra visite Alcoa-San Cibrao, co fin de que comprobe as posibilidades desta planta, así como a gran incidencia que ten nos planos laboral e social na comarca e no conxunto da provincia de Lugo. De momento, o ministerio non deu data algunha para a visita da ministra.

0.20211601257324