Veciños da Campiña abordan solucións para inundacións, auga e mobilidade

Os veciños e veciñas da Campiña mantiveron un encontro co alcalde de Lugo, Miguel Fernández, para tratar de primeira man cuestións que afectan á súa área periurbana, coa intención de analizar posibles liñas de actuación que melloren a vida na zona. Na xuntanza abordáronse, especialmente, problemas relacionados coa xestión da auga e episodios de inundacións rexistrados recentemente.
Ademais, analizouse a posible incidencia das actuacións que se están a desenvolver no polígono próximo, promovidas por outras administracións, e estudouse conxuntamente o comportamento das escorrentías e o seu impacto nas vivendas. Trátase dun ámbito no que conflúen competencias do Concello, da Xunta de Galicia, da Confederación Hidrográfica e do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible, polo que a coordinación institucional resulta clave para lograr solucións eficaces.
Durante a visita tamén se abordaron outras cuestións vinculadas á mobilidade e á seguridade viaria, como o estado dos viarios, a ordenación do tránsito peonil e a dotación de elementos de protección e servizo, dentro do seguimento ordinario que realizan os servizos municipais competentes.
Os participantes coincidiron en que escoitar ás persoas que viven na zona é fundamental para planificar actuacións de forma efectiva, atendendo ás necesidades concretas de cada barrio e parroquia, mellorando a calidade de vida e fomentando un concello máis equilibrado e cohesionado.