Veciños da rúa Rof Codina denuncian o uso indebido da nova beirarrúa e a lentitude das obras

A rúa Rof Codina de Lugo está a ser obxecto dunha actuación de mellora impulsada polo Concello, cun orzamento de 38.039,94 euros e un prazo estimado de oito semanas. As obras, que deron comezo o pasado 4 de xullo, teñen como finalidade modernizar unha infraestrutura viaria que levaba décadas sen intervencións significativas. Porén, algúns veciños xa manifestaron o seu malestar polos atrasos e polo que consideran un uso indebido da nova beirarrúa recentemente finalizada.
Segundo denuncian, unha vez rematada a nova beirarrúa —que incorpora unha rampa para facilitar o acceso a persoas con mobilidade reducida, carriños de bebé ou cadeiras de rodas—, varios condutores comezaron a empregala como zona de carga e descarga. "Dende que fixeron a beirarrúa, os coches particulares ou os camións de reparto soben pola rampla e aparcan enriba dela para acceder mellor. Iso impide que a xente poida camiñar por onde debe", sinala unha veciña, visiblemente molesta.
Outro residente lamenta que “antes, polo menos, había uns bolardos que impedían que os coches invadisen a zona. Estabamos mellor así. Agora non temos ningunha protección fronte a estes comportamentos incívicos e aos posibles atropelos”. A preocupación medra debido ao carácter residencial da contorna. Trátase dun barrio onde viven moitas familias con nenos e que conta tamén cunha gardería e cun centro de día nas proximidades desta nova beirarrúa.
“É unha rúa moi transitada, non só por coches, senón tamén por camións e autobuses, e agora mesmo non hai nin control nin seguridade”, explican. “Imos a peor”, conclúen.
A actuación prevista polo Concello abrangue un treito de 175 metros comprendido entre a Rolda das Fontiñas e a rúa Virxe da Esperanza. Ademais da nova beirarrúa, o proxecto inclúe a reposición do firme da calzada nas zonas máis deterioradas e a instalación de nova sinalización horizontal e vertical co obxectivo de mellorar a seguridade de peóns e vehículos.
Con todo, a lentitude na execución das obras e a ausencia de elementos de protección están a converter unha intervención pensada para mellorar a accesibilidade nun foco de tensión veciñal. Os residentes da zona reclaman máis axilidade nos traballos e medidas urxentes para garantir o uso axeitado das novas infraestruturas, así como a seguridade dos peóns.