Veciños de Lugo denuncian a presenza de materiais de obra sen valar nin sinalizar no centro da cidade

LugoXa
Trátase dunha zona de paso habitual e tamén de lecer infantil, xa que, segundo sinalan os residentes, é frecuente ver nenos xogando alí polas tardes
materiais-de-obra-centro-de-Lugo
15 May 2025

Veciños de Lugo denuncian a presenza de materiais de obra sen valar nin sinalizar no centro da cidade, concretamente nun oco da Praza de Santo Domingo, na rúa do Hospital, entre a parte alta da praza e a rúa Quiroga Ballesteros.

Trátase dunha zona de paso habitual e tamén de lecer infantil, xa que, segundo sinalan os residentes, é frecuente ver nenos xogando alí polas tardes.

O espazo afectado presenta diversos elementos potencialmente perigosos: palés colocados en equilibrio inestable e planchas de ferro dispostas con arestas e puntas a unha altura que poderían provocar lesións nas pernas ou nocellos das persoas que transitan ou xogan preto.

Os veciños expresan a súa preocupación pola falta de medidas de seguridade nunha zona tan céntrica e transitada. “É incomprensible que nun lugar polo que pasan centos de persoas cada día, e no que xogan nenos, poidan deixarse materiais así, sen valado nin ningunha sinalización que avise do perigo”, comenta unha residente da zona.

A lexislación vixente é clara ao respecto. A nivel estatal, o Real Decreto 1627/1997 obriga a que todas as obras conten cun plan de seguridade e saúde, no que se estipule expresamente a protección do entorno para evitar riscos a terceiros, incluíndo o valado das zonas de acopio de materiais.

A isto súmase a Lei 2/2016 do Solo de Galicia, que impón a obriga de garantir a seguridade e accesibilidade nos espazos urbanos afectados por obras. Pola súa banda, a normativa municipal lucense tamén recolle a necesidade de valar e sinalizar axeitadamente calquera intervención que implique a ocupación da vía pública.

Ante esta situación, os veciños reclaman ao Concello de Lugo que interveña de maneira inmediata, esixindo ás empresas responsables das obras o cumprimento estrito da normativa para evitar riscos innecesarios. Consideran que non se pode esperar a que ocorra un accidente para actuar e lembran que a responsabilidade última da seguridade no espazo público recae nas administracións locais.

⚙ Configurar cookies
0.17780208587646