Vega cre que a reunión entre Fernando Suárez e Tomé foi “moita foto e pouco investimento”

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
14 Mar 2020

O voceiro do Grupo Municipal Popular de Ribadeo, Daniel Vega, considera que “o resultado da reunión entre Fernando Suárez e José Tomé foron moitas fotos, pero nada sobre concretar investimentos para Ribadeo”.

O popular sinala “tanto o goberno local do BNG coma o goberno bipartito provincial volven prometer días antes da campaña electoral arranxos nas estradas do municipio que son titularidade da Deputación”. Así, acusa a Fernando Suárez de “volver prometer investimentos para Ribadeo por parte da Deputación; pero, na realidade, a promesa queda nunha foto”.

Vega defende, así mesmo, que “a realidade é que a estrada LU-P-5207 que pasa ao carón do colexio público e do campo de fútbol está totalmente desfeita”. No mesmo estado se atopan outras estradas da Deputación que pasan polo termo municipal ribadense sobre as que xa teñen advertido os populares da súa situación ante a presenza do voceiro do Grupo Provincial Popular, Javier Castiñeira. Trátase da estrada de Arante que conduce a Trabada e se atopa “completamente abandonada” e a de Santalla de Vilaousende “que tamén está desfeita por completo” e, polo tanto, dificultan a circulación dos vehículos. Vega explica, así mesmo, que a estrada que une Ribadeo e Vilaselán está “chea de baches”.

“Nin a Deputación inviste en Ribadeo nin Fernando Suárez logra investimento para o noso concello; senón que se limita a prometer”, asegura Vega. Pola contra, dende o Grupo Municipal Popular como xa temos trasladado ao pleno da corporación, “pedimos que haxa un investimento concreto cunha planificación previa” e, nesa liña, consideran moi necesario o arranxo de todas as estradas de titularidade provincial do municipio. O popular esixe “menos promesas de precampaña e máis xestión para abordar a realidade do día a día no noso concello”.

0.16982579231262