Vendidas 14 xovencas preñadas da Granxa Gayoso Castro na Poxa de Raza Rubia Galega de Adai

A tradicional Poxa de Gando Vacún Selecto de Raza Rubia Galega, celebrada este sábado no recinto feiral de Adai, no concello do Corgo, pechouse cun balance positivo ao venderse a totalidade dos 23 animais presentados e acadarse cotizacións destacadas tanto nos machos como nas femias.
A Deputación de Lugo levou á poxa 14 xovencas preñadas procedentes da Granxa Gayoso Castro, situada en Castro Riberas de Lea. Os exemplares saíron cun prezo inicial de 2.900 euros e espertaron un notable interese entre os gandeiros asistentes, chegando unha delas a alcanzar os 4.900 euros. As reses foron adquiridas por explotacións de distintos puntos de Galicia, principalmente da provincia de Lugo.
En conxunto, as 16 xovencas presentadas á subasta acadaron un prezo medio de 3.900 euros, arredor de mil euros por riba do importe de saída. No caso dos sete touros ofertados, o prezo medio situouse nos 3.114 euros. O exemplar máis cotizado da xornada foi un macho pertencente a unha gandería particular, que foi adxudicado por 5.500 euros a un criador da Fonsagrada.
Entre os compradores figuraron gandeiros de diferentes comarcas galegas e tamén un criador procedente de Sevilla, que participou por primeira vez na poxa de Adai e adquiriu unha xovenca preñada do centro de recría da Deputación.
Ademais da subasta, a feira contou cunha exposición de arredor de cen exemplares de Rubia Galega e coa celebración do concurso nacional da raza, no que se premiaron os mellores animais en distintas categorías. Entre as explotacións distinguidas figuraron as de Óscar Santos Buján, José Antonio Ferreiro Palacios, Manuel López Quiroga, Gandería Santalla, Gandería La Morena, Alejandro Gutiérrez Villanueva, Pena Guisande, Monxardín Arias e María Luz Penín Rouco.
O presidente de Acruga, César Dorado, mostrou a súa satisfacción polos resultados obtidos nunha edición que rexistrou pleno de adxudicacións e unha ampla participación de compradores. Segundo destacou, estes datos reflicten o interese crecente pola Rubia Galega e a confianza do sector nunha raza que continúa gañando presenza nas explotacións gandeiras.