Via Alfoz proporá a modificación do proxecto de orzamentos municipais

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
O último Pleno do Concello de Alfoz foi celebrado o pasado 9 de marzo, coincidindo co sorteo dos membros das mesas electorais dunhas eleccións autonómicas que finalmente foron suspendidas.
11 Maio 2020

O último Pleno do Concello de Alfoz foi celebrado o pasado 9 de marzo, coincidindo co sorteo dos membros das mesas electorais dunhas eleccións autonómicas que finalmente foron suspendidas. Dous meses despois seguen sen convocarse sesións plenarias, suspendéndose a celebración do Pleno Ordinario do 27 de marzo,  no que estaba previsto que se presentasen os Orzamentos Municipais do exercicio 2020.

Por este feito desde Via Alfoz consideran que “estamos a tempo de poder modificar o proxecto de orzamentos, xa que vai haber partidas de gastos que non se van poder executar polas novas circunstancias, podendo incluír outras partidas necesarias para paliar, na medida do posible, os efectos que o Covid-19 terá sobre a sociedade e o tecido empresarial do noso concello”.

Nese sentido, desde Vial Alfoz, consideran que se debera levar a cabo unha xuntanza entre os voceiros dos grupos municipais “de cara a consensuar un plan de reactivación social e económica para o noso concello” previo á presentación do proxecto de Orzamentos.

Dado que a actual situación de estado de alarma impediu a normal celebración de plenos, desde Via Alfoz consideran que, no caso de non ser posible a celebración presencial das sesións, se celebren de forma telemática, “tal e como se fixo o pasado xoves coa mesa informativa convocada cos sindicatos”.

Débese recordar que, coa aprobación do Real Decreto-lei 11/2020, de 31 de marzo, engádese un apartado 3 no art. 46 da Lei Reguladora das Bases del Réxime Local, para permitir que as entidades locais convoquen e celebren plenos de forma telemática pola crise provocada polo avance do Covid-19.

Desta forma, apuntan desde Via, “pódese garantir a transparencia, a información e o funcionamento democrático do concello, xa que, sen Plenos, non se poden debater propostas nin informarnos das que se están levando a cabo”.  Ademais apuntan que, aínda que nas actuais circunstancias “é o momento de apoiar todas as medidas destinadas a salvagardar a saúde dos veciños”, botan de menos máis información por parte do goberno municipal.

0.19380807876587