Vía Galega conmemora en Lugo o 180 aniversario da Revolución Galega de 1846

Vía Galega en Lugo organizará unha palestra para conmemorar o 180 aniversario da Revolución Galega de 1846, un dos episodios máis significativos da historia contemporánea de Galicia. O acto terá lugar o vindeiro 16 de abril ás 19 horas no Vello cárcere de Lugo.
Baixo o título “A Revolución Galega de 1846: significado e relevancia histórica”, a sesión permitirá repasar os principais acontecementos que marcaron este movemento. Entre eles, abordarase o pronunciamento liderado por Miguel Solís o 2 de abril en Lugo, a adhesión de Compostela dous días despois, a constitución da Xunta Superior de Goberno de Galicia o 15 de abril e o fusilamento dos chamados mártires da liberdade o 26 de abril.
A charla tamén analizará o impacto histórico destes feitos e a súa transcendencia no contexto político e social da época. O relatorio correrá a cargo de Uxío Breogán Diéguez Cequiel, profesor doutor da Universidade da Coruña e especialista en historia contemporánea.
Desde Vía Galega fan un chamamento á cidadanía lucense para participar nesta actividade, que pretende recuperar e poñer en valor episodios fundamentais da memoria colectiva galega.