Veleiro avanza que haberá peche perimetral e da hostalaría en Vilalba dende medianoite

TerraChaXa | LugoXa
O subcomité clínico de expertos que fai seguimento á evolución de covid-19 en Galicia vén de acordar o establecemento de novas medidas restritivas no Concello de Vilalba.
cinederoca
20 Nov 2020

O subcomité clínico de expertos que fai seguimento á evolución de covid-19 en Galicia vén de acordar o establecemento de novas medidas restritivas no Concello de Vilalba.

Tras a xuntanza deste venres, o grupo de expertos que avalía a expansión do coronavirus na comunidade galega acordou incorporalo ao grupo de municipios con restricións especiais.

Aínda que non se fixeron oficiais as medidas, xa que se publicarán esta tarde no DOG, a alcaldesa, Elba Veleiro, informou de que a Sanidade xa lles avanzou que as medidas consistirán no peche perimetral e da hostalaría. Así mesmo, reduciranse os aforos en comercios e actividades culturais e sociais, aínda que están pendentes da normativa.

O Concello non descarta impoñer medidas adicionais unha vez que se coñeza o contido do decreto.

Vilalba verá reforzadas estas restricións desde as 00:00 horas de hoxe.

CAMBIOS NOUTROS CONCELLOS GALEGOS

Na provincia da Coruña, o concello da Laracha incorporarase desde esta medianoite ao conxunto de municipios da comarca de Bergantiños, co que, ademais de ver incrementadas as súas restricións, a súa mobilidade tamén ficará restrinxida ao ámbito territorial conformado polo concellos de Cabana de Bergantiños, Carballo, Coristanco, Laxe, Malpica de Bergantiños e Ponteceso.

Entre as novas decisións adoptadas hoxe destaca o levantamento das restricións especiais no concello do Carballiño, onde, desde esta medianoite, rexerán as medidas do nivel 2.

Ademais, cómpre salientar que as localidades de Ribeira e A Rúa, malia continuar co mesmo nivel de restricións actual, o subcomité clínico acordou implementar unha observación específica á súa evolución epidemiolóxica.

Unha vez máis, a Xunta de Galicia lembra a obrigatoriedade de cumprir as normas restritivas para facer fronte á pandemia e solicitando a máxima colaboración dos concellos e das Forzas de Seguridade do Estado para a vixilancia das mesmas.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña subliña que se se cumpren as medidas decretadas polo Executivo galego, os concellos poderán aliviar paseniñamente as súas restricións”.

0.19756698608398