Violeta Rodríguez asume a presidencia de Ulloa Viva e Denís Bermúdez será o novo tesoureiro

LugoXa
A asemblea celebrada en Palas de Rei aprobou ambos nomeamentos con máis do 98 % dos votos emitidos. A nova dirección aposta por manter a mobilización social e reforzar a vía xudicial contra o proxecto de Altri
foto-nova-xunta-directiva-2026
15 Nov 2026

A Plataforma Ulloa Viva renovou parte da súa dirección na asemblea celebrada este domingo en Palas de Rei, na que Violeta Rodríguez foi elixida nova presidenta e Denís Bermúdez asumiu a tesourería. Os dous relevan Juan Pedro Sánchez e Serxio Núñez, respectivamente, que presentaron a súa dimisión por motivos persoais. Ana Otero continuará como secretaria da entidade.

Os nomeamentos recibiron o respaldo de máis do 98 % dos preto de 200 votos emitidos durante a xornada, na que tiveron lugar unha asemblea ordinaria e outra extraordinaria para abordar os cambios na estrutura directiva e diferentes cuestións relativas ao funcionamento interno da organización.

A nova presidenta, veciña de Melide e ata agora integrante do equipo legal da plataforma como vogal, agradeceu a confianza dos socios e socias e recoñeceu sentirse "impresionada" polo apoio recibido. Na súa intervención, destacou a capacidade de mobilización e a "unidade de acción social e veciñal" que Ulloa Viva conseguiu artellar nos últimos anos na oposición á instalación da macrocelulosa de Altri en Palas de Rei.

Rodríguez incidiu en que o colectivo mantén un propósito compartido: "Todas temos un obxectivo común, que Altri non se implante na Ulloa". Para avanzar nesa meta, considerou fundamentais a unidade, o apoio mutuo, a colaboración e o traballo desenvolvido polas persoas que forman parte da plataforma.

Vía xudicial

A nova responsable situou a batalla legal como un dos principais ámbitos de actuación nesta etapa. Neste sentido, lembrou que Ulloa Viva presentou un recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) contra o que cualifica como "suposto arquivo" do proxecto de Altri por parte da Xunta.

Ademais, avanzou que a organización está a estudar a posibilidade de impulsar novas iniciativas xudiciais pola falta de acceso ao expediente de captación de auga de Augas de Galicia.

Segundo explicou Rodríguez, a continuidade da oposición ao proxecto pasa agora por intensificar a "acción legal e xudicial". A nova presidenta asegurou que a Xunta Directiva permanecerá "atenta" ante a evolución dos acontecementos, nun contexto que definiu como marcado pola "moita desconfianza e incertidume", debido ás "estrataxemas" que, ao seu xuízo, desenvolveu a Xunta de Galicia arredor da iniciativa industrial durante estes anos.

Continuidade

Pola súa banda, o novo tesoureiro, Denís Bermúdez, tamén agradeceu o apoio recibido na asemblea e puxo o foco na pluralidade das persoas que integran Ulloa Viva. Referiuse aos socios e socias como persoas "de idades, procedencias e opinións diversas", unha variedade que identificou como "a nosa grande virtude".

Bermúdez salientou tamén a enorme repercusión acadada pola oposición á macrocelulosa, froito do compromiso colectivo, e reivindicou o seu significado máis alá do ámbito local. Neste sentido, afirmou que esta mobilización "forma parte da memoria colectiva de Galicia e temos a obriga de seguir manténdoa viva".

A plataforma aproveitou tamén as reunións deste domingo para aprobar diferentes modificacións dos seus estatutos e dar luz verde ao Regulamento de Réxime Interno (RRI).

Durante a xornada, a Xunta Directiva trasladou o seu agradecemento aos responsables saíntes polo labor realizado. En particular, recoñeceu o traballo de Juan Pedro Sánchez desde que asumira a presidencia en xullo do pasado ano, así como a dedicación de Serxio Núñez á tesourería. Ambos continuarán vinculados á plataforma e formando parte do seu presente e futuro.

0.13228011131287