Viveiro acorda facilitar o pago dos recibos coa concesionaria do servizo de auga

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
O Concello de Viveiro vén de aprobar os padróns de auga e canon de saneamento, rede de sumidoiros e taxa de recollida de Lixo, correspondentes ao primeiro trimestre do 2020, iniciándose o cobro destes recibos a partir do 30 de abril.
28 Abr 2020

O Concello de Viveiro vén de aprobar os padróns de auga e canon de saneamento, rede de sumidoiros e taxa de recollida de Lixo, correspondentes ao primeiro trimestre do 2020, iniciándose o cobro destes recibos a partir do 30 de abril.

Atendendo á crise sanitaria e económica actual, o Concello de Viveiro mantivo diversas conversas con Viaqua -empresa concesionaria do servizo de abastecemento de auga- e, de forma conxunta, acordouse a adopción dunha serie de medidas que se establecen co obxectivo de facilitar o pago dos recibos deste servizo.

Entre elas está o financiamento ou aprazamento de facturas, sen intereses, a todos os colectivos que ante esta situación excepcional presenten dificultades no pago das súas facturas; para isto, os usuarios deben contactar telefónicamente coa empresa concesionaria, que analizará cada situación en particular co fin de flexibilizar os pagos.

O plan de cota fixa (Plan 12 Gotas), ofrecido pola empresa concesionaria, que pode solicitar calquera cliente e que permite pagar todos os meses o mesmo importe en base ao consumo do ano anterior, regularizando ao final de ano a situación. No caso de que o importe sexa superior ou inferior ao consumido, devólvese a cantidade ou finánciase a pagar nos seguintes meses, respectivamente. Este plan ofrece a posibilidade de elexir a data do mes que prefira para a domiciliación bancaria.

A suspensión de todos os cortes de subministro; aínda que xa non se cortaba o suministro de auga a persoas en situación de vulnerabilidade económica, coa declaración de emerxencia sanitaria, ampliouse esta medida a todos os clientes, paralizando calquera acción de reclamación de débeda ou de cortes de subministro. Desta forma, garántese que un ben básico como é a auga chegue a todos os fogares; nun momento, ademais, no que a hixiene se convertiu nunha acción indispensable para previr o contaxio do COVID 19.

A ampliación do prazo do período voluntario de pago de facturas a 90 días.

Así mesmo, lémbrase que aqueles contadores que non puideron ser lidos antes do Estado de Alarma, serán estimados utilizando para iso a mesma lectura do mesmo período do ano anterior. No caso de industriais e comerciais que por actividade figuren correctamente descritos na base de datos da empresa concesionaria, realizarase unha estimación a cero a partir do 13 de marzo e durante o estado de alerta, tendo en conta que o Decreto 463/2020 obriga ao peche da actividade.

Deste xeito, conseguirase que o consumo estimado se achegue máis á realidade. Calquera exceso ou defecto na estimación, regularizarase en posteriores facturacións en canto se poida volver a realizar a lectura física e presencial.

No suposto de que non se devengasen as referidas taxas a partir da data da declaración do Estado de Alarma por peche de actividades, neses casos, será analizado e acordado o que proceda e, no seu caso, compensados ou devoltos eses importes nos seguintes recibos.

Con estas medidas, preténdese minimizar as consecuencias económicas desta pandemia; ademais, o Concello de Viveiro está traballando para poñer en marcha unhas medidas de reactivación económica dentro das propias competencias.

0.053918123245239