Viveiro aproba en Pleno unha axuda para empresas e autónomos
O Concello de Viveiro aprobou no pleno os orzamentos municipais para o exercicio 2020, unhas contas basicamente sociais nas que a necesidade de adoptar medidas extraordinarias para paliar as consecuencias da crise do Covid-19 foron determinantes para a súa elaboración.
O volume total do orzamento é similar ao de ano anterior, pero a situación actual fixo necesario realizar un reaxuste para facer fronte ás medidas extraordinarias referidas. Como consecuencia desta situación, no ámbito sanitario, o concello viuse obrigado a adquirir EPIs, mascarillas ou material desinfectante, así como a instalar mamparas, entre outras moitas medidas.
En canto á crise económica derivada da pandemia, o orzamento deste exercicio inclúe unha serie de partidas especialmente destinadas a axudar aos colectivos máis afectados por esta situación, entre as que destaca unha liña de axudas, por importe de 400.000 euros, dirixidas aos titulares de empresas que se viron obrigadas a cesar a súa actividade con motivo do estado de alarma.
Fíxose, asemade, unha redistribución de importes, destinando a estas medidas cantidades que noutras anualidades se viñan destinando a eventos e actividades canceladas con motivo desta crise.
Grazas a estes reaxustes e redistribución de cantidades, conseguíronse uns orzamentos reais nos que, sen subir os impostos, se garante a prestación dos servizos públicos e se manteñen os apoios que este concello viña brindando ao tecido asociativo e clubes deportivos.
É necesario facer fincapé neste cuestión e deixar claro que, a pesar dos reaxustes necesarios, o Concello de Viveiro continuará prestando todos os seus servizos e que no orzamento 2020 se manteñen as axudas a asociacións e clubes deportivos.
Con respecto a estas axudas, cabe destacar que o importe total destinado a subvencións nominativas ascende a 108.600 euros. Desta cantidade, un total de 50.600 euros concederanse a clubs deportivos para sufragar gastos desta temporada.
Ás asociacións de comerciantes do municipio outorgaránselle axudas para a realización de campañas dirixidas á activación do comercio, sendo esta unha das medidas incluídas no Plan de Reactivación Económica. Ademáis, tamén se concederán axudas directas a outras asociacións do municipio, como poden ser a Banda de Música o Landro de Viveiro, para contribuír ao mantemento da nosa banda, ou a Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer, pola gran labor que realiza e que nesta pandemia pasou por un momento de dificultade ao ter que pechar o seu centro.
En definitiva, o Concello de Viveiro vén de aprobar un presuposto real e axustado, no que sen subir os impostos aos veciños e veciñas, aos cales agradecemos o esforzo que ano tras ano realizan para poder manter os servizos demandados, e a pesar da redución de ingresos (polas taxas que se deixarán de percibir polos servizos non prestados durante o estado de alarma ou pola instalación de terrazas, que non se cobrarán), se manterán os servizos públicos e de protección social e se rebaixará a débeda, e tamén como indicamos se axudará ás asociacións e clubes deportivos.