Viveiro celebra o centenario do Teatro Pastor Díaz cunha exposición
O Teatro Pastor Díaz cumpriu 100 anos e para celebrar o seu primeiro século de vida o Concello de Viveiro organiza un acto central o próximo 18 de xaneiro.
Nesa xornada, se inaugurará ás 20.30 horas no hall do teatro unha exposición na que se fará un repaso pola traxectoria deste emblemático edificio. A parte histórica da mostra corre a cargo do cronista oficial de Viveiro, Carlos Nuevo Cal, e ao acto asistirán diferentes colectivos culturais da localidade, coñecidos pola sua longa traxectoria.
“O emblema da nosa vida cultural cumpre 100 anos e temos que celebralo como se merece, cun acto de homenaxe e unha exposición que percorre a vida do edificio, que é tamén gran parte da vida de Viveiro do último século”, asegura a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro.
A concelleira de Cultura, Lara Fernández, explica que o cartel da exposición (adxúntase) “foi elaborado a partir dos elementos máis representativos de teatro e fai recordar o escudo de Viveiro”.
Construído entre 1918 e 1919 a iniciativa particular de Nemesio Barreiro Casal, o teatro pasou por varios propietarios ata que foi adquirido polo Concello en decembro do 1988. Estivo pechado oito anos ata a súa rehabilitación, cun custo de 200 millóns de pesetas. Foi reinaugurado no ano 2001.
Proxectado por Mario Páez Suárez, na parte alta do escenario ten gravados os rostros de Rosalía de Castro e de Pastor Díaz, obras de Sandra Escohotado Gil e Fernando Cano Vidal.
Trala súa rehabilitación, o teatro reincorporouse á vida social de Viveiro, de xeito que é onde se realizan a maioría das actividades culturais do Concello e tamén as organizadas polo seu tecido asociativo.