Viveiro celebra o Día de Rosalía de Castro e fai entrega dunhas bolsas conmemorativas

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
24 Feb 2020

O Concello de Viveiro celebra hoxe o 184 aniversario de nacemento de Rosalía de Castro e fará entrega dunhas bolsas conmemorativas na biblioteca municipal.

Rosalía de Castro, figura emblemática do Rexurdimento Galego, naceu o 24 de febreiro de 1837 e hoxe o Concello de Viveiro, a través da Concellería de Cultura, súmase a esta efeméride, como xa leva facendo estes últimos anos.

En 2018 colocouse un vinilo na biblioteca municipal coa silueta de Rosalía e cuns versos dela, e repartíronse marcapáxinas creados para esta data; en 2019, desenvolveuse un proxecto denominado ‘Andares Gallegos’, pintando versos de Rosalía en diferentes pasos de cebra da cidade, e repartíronse bolsas conmemorativas entre os usuarios da biblioteca.

Hoxe, Día de Rosalía de Castro, o Concello de Viveiro quere seguir celebrando esta efeméride facendo entrega dunha bolsa conmemorativa a todos os socios que se acheguen durante a xornada á biblioteca municipal para coller un libro prestado; tamén poderán participar nesta acción todas aquelas persoas que se fagas socias hoxe da biblioteca. As unidades son limitadas e repartiranse ata finalizar existencias.

“‘Rosalía sempre foi e será a nosa estrela’ é a frase escollida para festexar o día da nosa musa, texto que ilustra as bolsas creadas para esta ocasión; dende o Concello de Viveiro animamos a todos os socios e socias da Biblioteca Municipal, e a todos aqueles que desexen asociarse hoxe, a participar nesta iniciativa”, afirma a alcaldesa, María Loureiro.

0.20163106918335