Viveiro conta este verán cun campamento urbano para nenos

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
O Concello de Viveiro organiza o campamento urbano de verán para nenos e nenas, que terá lugar do 8 de xullo ao 28 de agosto co obxectivo de favorecer a vida familiar e laboral.
26 Xuño 2020
O Concello de Viveiro organiza o campamento urbano de verán para nenos e nenas, que terá lugar do 8 de xullo ao 28 de agosto co obxectivo de favorecer a vida familiar e laboral.

O campamento será no pavillón do CEP Lois Tobío cun horario de 8.30 a 14.00 horas, de luns a venres. Este ano, para garantir a seguridade das nenas e nenos participantes, mantendo a distancia establecida e o traballo en grupos reducidos, establécense dúas quendas; a primeira, do 8 ao 31 de xullo, e a segunda, do 3 ao 28 de agosto.

“No concello somos conscientes das dificultades das familias para conciliar no actual contexto de crise sanitaria, polo que decidimos celebrar os campamentos; haberá maiores limitacións e medidas que outros anos, xa que queremos cumprir con todos os protocolos recomendados polas autoridades sanitarias”, asegura a alcaldesa de Viveiro, María Loureiro.

O campamento urbano de verán oferta un total de 108 prazas para os nenos e nenas que cumpran os requisitos de admisión, distribuídos en dúas quendas de 54 nenos e nenas cada unha, a elexir pola nai, pai ou titor/a.

De cubrirse a totalidade de prazas nunha quenda, atendendo á orde de inscrición, automaticamente quedarán adscritos á outra quenda, sempre no caso de quedaren prazas vacantes. No caso de non cubrirse a totalidade de prazas na segunda quenda, poderían repetir os participantes na primeira, que así o desexen, atendendo ao criterio da orde de inscrición.

Resérvanse 5 prazas, por quenda, para nenos e nenas con discapacidade igual ou superior ao 33%, e outras 5 prazas, por quenda, para nenos e nenas pertencentes a familias en situacion de vulnerabilidade. No suposto de que as prazas reservadas non se cubran, pasarán a acumularse ao resto de prazas libres.

Con respecto ao criterio de selección, cómpre indicar que en primeiro lugar seleccionaranse aos nenos e nenas daquelas unidades familiares na que ambos proxenitores, teña vixente unha relación laboral no prazo de presentación de instancias ou estén realizando un curso do plan de formación impartido dentro da formación para persoas desempregadas das distintas administracións públicas.

No suposto de separación, divorcio ou familias monoparentais atenderase a que este requisito se cumpra respecto do proxenitor que se atope a cargo do/a menor.

As bases de selección deste campamento publicaranse no taboleiro de anuncios dixital o luns 29 de xuño e a presentación de solicitudes realizarase no prazo de 5 días hábiles dende o día seguinte ao da publicación, é dicir do martes 30 de xuño ao luns 6 de xullo de 2020 (ambos incluídos).

A solicitude e documentación a presentar será a solicitude de participación, fotocopia do DNI, fotocopia da  tarxeta sanitaria, fotocopia do DNI do titor, fotocopia  do libro de familia, no caso de ter certificado de discapacidade ou de estar en situación de vulnerabilidade, unha copia do mesmo. Vida laboral dos proxenitores ou certificado de realización do curso de formación emitido pola entidade impartidora e a declaración da renda do 2018.

O obxectivo deste campamento é cubrir a nivel pedagóxico este tempo de lecer facilitando unha alternativa de ocio saúdable, fomentando o xogo, o deporte, a expresión artística así como os valores de convivencia e respecto entre iguais. Promoverase a realización de actividades de carácter lúdico: manualidades, obradoiros de refugallo, xogo cooperativo, actividades deportivas...

No mesmo senso, trátase de favorecer a conciliación familiar durante os meses de vacacións estivais, ofrecendo un recurso axeitado ás familias que por motivos laborais atópanse con dificultades para compaxinar a vida profesional e a crianza dos nenos e nenas.

Este verán, debido á situación provocada polo Covid-19, é necesario máis que nunca ofrecer un recurso lúdico para os nenos e nenas, así como unha alternativa segura para as familias, que necesitan seguir cumprindo coas súas obrigas laborais.

O desenvolvemento deste campamento de verán axústase ás medidas establecidas pola Xunta de Galicia para o desenvolvemento das actividades de Educación non formal, Ocio Educativo e Tempo Libre adaptadas á situación de Covid-19. Por este motivo organízase en dúas quendas diferenciadas, reducindo o número de grupos coa finalidade de minimizar as interaccións entre eles, rotando as actividades para que todas as persoas participantes desfruten das mesmas.

0.1216561794281