Viveiro convoca a segunda reunión da súa Mesa de Turismo
O Concello de Viveiro celebra mañá, martes 3, a segunda reunión da súa Mesa de Turismo, unha ferramenta que naceu co obxectivo de planificar e coordinar as accións e a oferta turística da vila con todos os axentes implicados no sector.
A de mañá, ás 17.30 horas no salón de actos do concello, será a primeira das reunións sectoriais da mesa, neste caso cos hoteis e os aloxamentos turísticos.
“Con esta iniciativa damos resposta a unha petición do sector turístico, na que se nos solicitaba a posta en marcha dunha ferramenta de coordinación e planificación turística na que estiveran presentes o sector privado e o Concello de Viveiro”, asegura a concelleira de Turismo, Marisol Rey.
As reunións sectorais e conxuntas continuarán nas próximas semanas para planificar o futuro turístico de Viveiro, “polo que esperamos contar coa presencia de todas aquelas persoas interesadas en seguir mellorando o noso futuro”, engade.
A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, lembra que “o potencial turístico de Viveiro atrae cada vez a máis xente durante todo o ano, é o momento de dar un paso máis para ofrecer unha oferta mellor, máis coordinada co sector privado”.