Viveiro debatirá en Pleno a cesión dun local á AFA para dar servizo a máis usuarios
O grupo de goberno do Concello de Viveiro ten previsto levar ao pleno de novembro a proposta da alcaldesa, María Loureiro, para ceder á Asociación de familiares de persoas con alzheimer e outras demencias (AFA Viveiro) o uso do inmoble de titularidade municipal ubicado na rúa Irmáns Vilar Ponte, 23, segundo a solicitude e documentación presentada ao efecto pola asociación.
Para isto, o Concello realizou todos os trámites necesarios e, neste momento, o expediente atópase no trámite de información pública, previo á adopción do correspondente acordo plenario de cesión de uso.
AFA Viveiro mantivo xuntanzas cos representantes de todos os grupos da corporación conseguindo o seu apoio de cara ao acordo de cesión dun local de titularidade municipal no que desenvolver a súa actividade, consistente en información e asesoramento á poboación en xeral, apoio ao coidador e apoio á persoa enferma.
Dende o equipo de goberno sempre se prestou o seu apoio e colaboración con esta asociación, que vén desenvolvemento unha gran labor co fin de mellorar a calidade de vida dos doentes e dos seus familiares, mediante a cesión de uso das instalacións utilizadas actualmente nos Claustros de San Francisco; no seu momento, coa posta a disposición de persoal ou, actualmente, coa concesión dunha subvención nominativa.
Con este cambio de ubicación, AFA Viveiro quere desenvolver un importante proxecto de futuro, dando servizo a máis usuarios e ampliando a súa capacidade, nunhas instalacións máis adaptadas ás súas necesidades.
Coa tramitación deste expediente de cesión, para o que se agarda contar co voto favorable dos concelleiros e concelleiras do PP, de Por Viveiro, do BNG e Grupo de Non Adscritos, preténdese manter esta colaboración que permitirá a ampliación dos servizos e actividades ofrecidos pola asociación.