Viveiro organiza un programa de actividades con motivo do 8M

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
3 Mar 2020

O Concello de Viveiro desenvolverá nas próximas semanas un programa de actividades para impulsar a igualdade real con motivo da celebración do 8 de marzo, Día Internacional da Muller.

A primeira delas será este sábado, 7 de marzo, coa obra de teatro O Empapelado Amarelo e a tradicional cea-baile para mulleres, organizada polo Centro de Información ás Mulleres (CIM) e a Delegación Municipal de Muller do Concello de Viveiro. Un día máis tarde, o domingo 8 de marzo, procederase á lectura pública dun manifesto Institucional ás 12.00 horas na praza Maior.

Estas dúas citas do fin de semana serán o punto de partida doutras actividades como exposicións, obradoiros de igualdade para nenos e nenas, charlas e concursos, iniciativas todas elas encaminadas a concienciar sobre este tema.

Na rolda de prensa de presentación das actividades, a concelleira de Muller do Concello de Viveiro, Lara Fernández, apuntou que “as efemérides son moi importantes para lembrar que é necesario seguir avanzando pola igualdade, pero este traballo temos que desenvolvelo os 365 días do ano, como así facemos desde o concello e o CIM”.

“Falamos de plantar semillas de igualdade porque entendemos a importancia de educar en valores e igualdade, por iso organizamos durante todo o ano diferentes eventos formativos nos centros educativos, para que os nenos e nenas crezcan nunha igualdade real”, explicou.

Marcha de Verín

O Colectivo GALEGAS 8M, que engloba a varias organizacións, convocou este ano 2020 a mobilización central de Galicia en Verín, onde onte percorreron as rúas da vila.

As reivindicacións centraronse, sobre todo, no eixo dos coidados e do mundo rural, onde o traballo das mulleres está, se cabe, máis invisibilizado que noutros eidos da nosa sociedade.

O Concello de Viveiro apoiou a iniciativa, fletando un autobús para facilitar a participación das mulleres da zona neste acto reivindicativo dos dereitos das mulleres, xa que considera que a implicación das administracións públicas é básica na loita contra o machismo e as desigualdades.

Por todo isto, o Concello de Viveiro quere mostrar o seu agradecemento a todas as persoas, en particular mulleres, que participaron en Verín neste acto reivindicativo dos dereitos das mulleres previo ao 8 de marzo, Día Internacional da Muller.

0.16546201705933