Viveiro pon en marcha os servizos nas praias e reforzará a limpeza
O Concello de Viveiro anuncia á veciñanza que os servizos das praias comezarán coa temporada de baño oficial, que vai dende o 1 de xullo ao 31 de agosto, polo que o mércores que vén abrirán tanto as duchas como os aseos das praias.
Ese mesmo día empezará tamén a limpeza dos areais, que este ano se retrasou un pouco con respecto ao que era habitual, tendo en conta que a Xunta de Galicia non concedeu a este concello a subvención para a contratación temporal de persoas en situación de risco de exclusión social perceptoras da Risga, que se adoitaban dedicar á limpeza das praias.
Esta decisión da Xunta motivou que tampouco resultara posible realizar o proceso de selección de persoal para estas tarefas; por este motivo, solicitouse orzamento a varias empresas co fin de poder contar con este servizo para o inicio da temporada de verán.
Debido á crise sanitaria provocada polo COVID-19, e seguindo a normativa e protocolos establecidos, vaise reforzar a limpeza creando un servizo de desinfección que desinfectará os aseos, duchas e demais infraestruturas das praias catro veces ao día, entre as 12:00 e 8:00 horas, coincidindo co horario de maior afluencia.
Polo que atinxe ao servizo de socorrismo, está previsto que comece a prestarse na segunda semana do mes de xullo; este servizo, reforzarase coa incorporación de persoal da piscina municipal.
Finalmente, o concello colocou carteis en todas as praias indicando as normas e medidas establecidas en aras a garantir a saúde e seguridade de todos e todas; o persoal do servizo de socorrismo velará polo seu cumprimento.
Unha vez máis, dende o goberno municipal apélase a concienciación e responsabilidade de todos os veciños e veciñas para que se respecte a distancia social de 1,5 metros e todas as demais medidas de seguridade e hixiene establecidas para preservar a seguridade e saúde pública.