Viveiro xa ten listo o seu Plan Municipal de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais
O Concello de Viveiro incluirá na orde do día do próximo pleno municipal a proposta de aprobación inicial do Plan Municipal de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais.
Tras a súa aprobación inicial, deberá someterse ao trámite de información pública polo prazo de 30 días hábiles para que as persoas que o desexen poidan formular as correspondentes alegacións, observacións e suxestións.
O Plan Municipal de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais do Concello de Viveiro foi elaborado pola empresa Seaga (Empresa pública de Servicios Agrarios), en virtude da adhesión deste concello, formalizada en xullo de 2019, ao convenio de colaboración subscrito entre a Xunta de Galicia, a Fegamp e Seaga en materia de prevención e defensa contra incendios forestais, para o establecemento dun sistema público de xestión de biomasa nas faixas secundarias.
Este plan, que conta co informe preceptivo e vinculante emitido pola Dirección Xeral de Defensa do Monte, define as redes de faixas secundarias de acordo co artigo 21 da Lei 3/2007, de 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, incluíndo os planos coa rede secundaria de faixas de xestión de biomasa perimetral ao solo urbanos, núcleo rural e urbanizable, e a relación de parcelas afectadas.
Á aprobación deste plan únese as xestións e tramitacións que por parte do Concello de Viveiro se veñen realizando para a prevención e defensa contra incendios forestais, entre as que se inclúen os bandos publicados lembrando aos propietarios a obriga de proceder á execución da xestión da biomasa no ámbito das redes de faixas de xestión de biomasa, incluída, de ser o caso, a retirada de especies arbóreas, antes de que remate o mes de maio de cada ano; os expedientes tramitados polo concello na súa obriga de vixiar e impoñer o cumprimento forzoso de que se xestione esa biomasa, que ascende, dende 2018, ao centenar de expedientes, e todas as comprobacións realizadas ao respecto polos vixiantes de urbanismo e medio ambiente.