Volve a encontrar o Norte, nova campaña de promoción da Mariña

TerraChaXa | LugoXa
Volve a encontrar o Norte é o nome da nova campaña que a Mancomunidade de Concellos de A Mariña Lucense lanza para axudar na promoción e reactivación turística do xeodestino co obxectivo de reducir o impacto que a crise sanitaria está tendo nesta comarca e tratar de seguir sendo unha opción nunha época na que os destinos nacionais gañan aínda mais peso dentro da oferta turística.
38936197_2093415434062887_7554162615358849024_n
20 Xul 2020

Volve a encontrar o Norte é o nome da nova campaña que a Mancomunidade de Concellos de A Mariña Lucense lanza para axudar na promoción e reactivación turística do xeodestino co obxectivo de reducir o impacto que a crise sanitaria está tendo nesta comarca e tratar de seguir sendo unha opción nunha época na que os destinos nacionais gañan aínda mais peso dentro da oferta turística.

A campaña, que conta coa colaboración da Xunta de Galicia e da Deputación de Lugo, pretende reivindicar A Mariña Lucense como un xeodestino ubicado ao norte da provincia de Lugo, á beira do Mar Cantábrico no que o visitante pode atoparse a si mesmo e descubrir o seu Norte particular, despois duns meses nos que a sociedade tivo que soportar situacións de enorme tensión e incerteza a causa da crise da Covid-19, e máis aínda, nas últimas semanas no distrito sanitario da Mariña Lucense.

O presidente da Mancomunidade, Fran Cajoto, na presentación desta acción dixo que “é unha campaña de promoción turística realmente do que temos. Sen enganar a ninguén destacar unha zona na que o turismo non está masificado, onde podemos desfrutar da natureza, da boa gastronomía, da tranquilidade dos paseos, dunhas marabillosas praias, dun interior tamén con grandes monumentos arquitectónicos”.

Para Cajoto “A Mariña é unha zona para descubrir e penso que o lema da campaña é o idóneo, Volve encontrar o norte-Vuelve a encontrar el norte, despois dunha época difícil que pasamos na que tivemos que permanecer nos nosos fogares, redescubrir a sensación de liberdade, un espazo no que podemos respirar, e desde logo a nosa referencia é o norte. A costa de Lugo, A Mariña lucense, somos o norte por excelencia. O que pretendemos agora é animar a todo o mundo a que nos veña ver, non por nada en especial senón polo que xa tíñamos demostrado e que todos os visitantes nos poidan descubrir ou redescubrir que moitos ou a gran maioría dos que veñen, volven aquí. Así que estamos desexando que funcione para que o sector turístico de toda a comarca pouco a pouco recobre a normalidade, é fundamental na nosa Mariña que os hoteis, os restaurantes e os bares volvan vivir tamén e teñan ese rédito dunha época fabulosa que hai aquí como é o verán”.

A Mariña Lucense ofrece ao visitante liberarse da experiencia desagradable que supuxo o confinamento e deixar atrás as malas novas recibidas no que vai de ano. O xeodestino dálle a posibilidade de afastarse do estrés do día a día, grazas a unha proposta baseada no turismo slow, un xeito sostible de viaxar, que aposta por destinos illados e evita as masificacións para dar prioridade á experiencia do viaxeiro.

Os concellos integrantes do xeodestino conforman un itinerario no que poder reconectar cun mesmo a través de paisaxes salvaxes, con praias paradisíacas e costas agrestes encravadas en pleno norte peninsular, a zona que o visitante leva tempo querendo atopar. Alí pode descubrir un enorme mundo baixo o mar, nunha zona de grande riqueza pesqueira e marisqueira; unha gastronomía que aproveita ese produto de primeira para elaborar pratos sorprendentes; e unha cultura que se demostra coñecendo o seu patrimonio, a hospitalidade das súas xentes e a calidade da súa artesanía. Todo un paseo polo Norte, para coñecelo a fondo e non volver perdelo nunca.

 

0.16822099685669