Volve a romería do San Lourenzo a Becerreá
O vindeiro 1 agosto chega a romería do San Lourenzo á Pena do Pico, o punto máis elevado do Concello de Becerreá. Así pois, a xornada comezará ás 11 horas coa subida deportiva á Pena do Pico -pódese facer en bici ou a pé-. A ruta mencionada é unha ruta de sendeirismo que parte dende o campo da feira de Becerreá e que conta con case 7 kilómetros de distancia.
Despois da andaina, será o turno da sesión vermú coa charanga sarriá, Louband. O día continuará cunha comida de campo para repoñer forzas para a tarde. Así mesmo, dende a organización recordan que hai pulpería para todas aquelas persoas que o desexen.
A romería continuará ás 17 horas cunha charla sobre a historia da romería de San Lourenzo que fará Xabier Moure, así coma unha charla sobre a defensa da Serra do Pico ante a ameaza eólica que virá a cargo de Moncho Barreiro.
Ás 19 horas, será o turno doutro momento cultural coa obra de teatro Rara Avis -a cargo de Lila Teatro-. Para finalizar a festa, Andrea Puchi e Trilitrate serán os encargados de poñer a música, o baile e o ritmo a través de dous concertos que comezarán ás 20.30 horas.
Unha xornada amena, diferente e chea de divertimentos coa que Becerreá quere dar a benvida a un novo mes de verán.