Volve unha nova edición do maratón Findecurta
Volve unha nova edición da Findecurta que impulsa a creatividade audiovisual da mocidade a través da convocatoria dun certame promovido ao abeiro do convenio Lugo Cultural e que se desenvolverá do 29 de abril ao 2 de maio de 2023 en Lugo.
As persoas interesadas en tomar parte nesta cita artística poderán formalizar a súa inscrición de balde ata o 25 de abril a través do enderezo de correo electrónico cultura.lugo@usc.es onde tamén se poden consultar as bases polas que se rexerá a nova edición.
O certame propiamente dito comezará o 28 de abril cunha sesión informativaás 20.15 na Casa do Saber. As persoas inscritas no VIII Findecurta, agrupadas en equipos, disporán dende ese momento ata o 2 de maio ás 10.30 para a realización da curta.
A entrega da documentación e da curtametraxe realizarase ata o día 2 de maio ás 10.30 e as proxeccións serán o 12 de maio ás 21.00 na praza de Santa María e no Auditorio da Facultade de Veterinaria en caso de choiva.
As curtas presentadas a concurso deberán compartir varios elementos e cumprir os retos fixados na sesión informativa.
Xurado, proxección de curtas e premios
Unha vez finalizada a maratón audiovisual e tras recibir todas as propostas presentadas a concurso, o xurado analizará e avaliará todas as curtas.
A entrega dos galardóns ás dúas mellores propostas desenvolverase ao remate da gala, cando o xurado do VIII Findecurta emitirá o seu fallo e dará a coñecer a cinta gañadora, cuxos autores recibirán como premio unha gratificación en metálico de 400 euros, ademais da posibilidade de participar coa súa curtametraxe na Semana de Cine de Autor de Lugo, na que competirá polo Premio do Público á Mellor Curtametraxe Galega.
Asemade, os autores da curta máis valorada polo público presenta na sala tamén recibirán como agasallo a posibilidade de presentar e competir polo premio do público na próxima edición da Semana de Cine de Autor de Lugo.