Volven os hortos escolares nos centros de ensino públicos de Lugo da man do Concello e a Tradescola

LugoXa

A Tenencia de Alcaldía de Lugo, a través da Concellería de Educación e Difusión do Coñecemento, retoma un ano máis as actividades de hortos escolares nos centros de ensino públicos para as e os estudantes de sexto de infantil, organizadas en colaboración coa Tradescola.

15 abr 2024

A Tenencia de Alcaldía de Lugo, a través da Concellería de Educación e Difusión do Coñecemento, retoma un ano máis as actividades de hortos escolares nos centros de ensino públicos para as e os estudantes de sexto de infantil, organizadas en colaboración coa Tradescola.

Rubén Arroxo, tenente alcalde do Concello de Lugo explicou que "estas actividades utilizan o traballo no horto como recurso educativo para tratar todo o que ten que ver co medio natural, o seu coidado e a concienciación ambiental". Ao mesmo tempo, as actividades pretenden ser unha ferramenta para espallar as tradicións galegas relacionadas co inicio da primavera.

O horto, xunto coa aprendizaxe de cantigas, xogos e celebracións tradicionais relacionadas cos ciclos do ano, "é unha experiencia na que se pode participar en calquera etapa da vida, pero é, sen dúbida, nas primeiras etapas educativas, onde a estimulación dos sentidos é mais importante, polo que esta actividade supón un recurso educativo de grande interese, para que nenos e nenas de curta idade, vivan, experimenten e gocen do traballo no contorno natural, intervindo nel, dun xeito consciente e responsable e desfruten ao mesmo tempo coñecendo a música, as cantigas, as celebracións e os xogos bailados relacionados con estes traballos".

As nenas e nenos participantes poderán desenvolver a súa  capacidade de observación e investigación no contorno, e coñecerán e usarán novas ferramentas diferentes ás de uso cotián.

Ao mesmo tempo, achegarase aos participantes a coñecer distintas músicas, cantigas, celebracións e tradicións relacionados co ciclo do ano, e permitiráselles coñecer celebracións tradicionais relacionadas coa natureza, como os maios.