Xa hai datas confirmadas para a celebración do Arde Lucus 2025

O Arde Lucus 2025 terá lugar do 12 ao 15 de xuño, coincidindo con O Son do Camiño, e converterá Lugo nunha viaxe ao pasado co traballo incansable das 19 asociacións de recreación histórica, fundamentais para o seu éxito.
Tras unha reunión con estas 19 asociacións de recreación histórica, que votaron por unanimidade as datas, o concelleiro de Xuventude do Concello de Lugo, Jorge Bustos, agradeceu a implicación das agrupacións, así como o papel das compañías de teatro, que enriquecen a programación da festa: “O esforzo destes colectivos é esencial para consolidar o éxito do Arde Lucus e seguir avanzando cara a unha recreación histórica máis fiel e unha maior divulgación do noso pasado romano e castrexo.”
Na reunión tamén se fixo balance do Arde Lucus 2024, que acadou unha ocupación hoteleira do 100 % e unha afluencia máxima, consolidando a cita como un dos eventos máis destacados do calendario cultural galego. Bustos destacou: “A afluencia non pode ser maior, polo que agora centramos os nosos esforzos en mellorar a calidade da programación e en facer do Arde Lucus unha experiencia inesquecible.”
O Arde Lucus foi declarado Festa de Interese Turístico Internacional en 2023, un recoñecemento que reflicte o seu impacto cultural, turístico e económico e que a posiciona como unha das grandes citas de recreación histórica a nivel global.
Estas agrupacións sonAra Roma, Asamblearias Lucus Augusti, Caetra Lucensium, Civitas Lucensis, Clan de Breogán, Cohors III Lucensium, Garda Pretoriana, Kertix, Lucus Equites, Lucus Icenas Miliatore, Lugdunum, Mercenarios Galaicos, Pax Romana, Salesiani Luci Augusti, Senatus Lucus Augusti, Terra Copora, Tir Na n'Og, Trebas Galaicas e Vestales Lucus Augusti.
Grazas a elas, Lugo logra manter vivo o espírito castrexo e romano, ofrecendo unha experiencia única que combina identidade, patrimonio e dinamización cultural.