Xa hai gañadores do III Certame de Poesía Torre de Caldaloba
O xurado do III Certame de Poesía Torre de Caldaloba outorgou esta fin de semana os seus premios que correponderon na categoría de maiores de 18 anos a Herdar a Fala, de Patricia Torrado Queiruga, "un poemario de matiz intimista, que reflicte a dor e identifica un herdo culturalmente definido. Ao tempo que amosa de xeito ambigüo unha ferinte ausencia do fillo. Coa composición de estrofas brutais ante unha realidade desacougante".
En segundo lugar quedou Unha teoría para os espectros, de Abraham Pérez, "porque expresa un posthumanismo, nun xogo de figuras humanas que designan correntes de pensamento. Xuízo á nosa cultura, onde convida a non xustificar os mortos da historia nunha revolución social e política, transformación da pobreza agochada e de identidade humana", di o xurado.
Tamén houbo fallo na categoría de menores de 18 anos. O primeiro foi para Outubro en dous actos, de Paula Domínguez Barreiro, "polo excelente traballo cunha riqueza lingüÍstica e acertado uso de recursos estilísticos. A calidade reflíctese nese coidado trato dos fonemas para ir ganduxando versos dun intimismo e unha sensibilidade extrema".
Segundo foi Derradeiro adeus, de María Montenegro Jamardo, "un poemario con versos sinxelos, tratándose dunha poesía realista, mais cunha carga emocional que esperta as emocións e a empatía cara á persoa autora. Hai tema presente en todos os versos que son a dor e a tristura que provoca un adeus. Cando amamos de verdade, ninguén está vacinado nin hai a apócema para unha despedida", subliñan.
O xurado estivo integrado por Armando Requeixo, Ana Mar Fraga Rábade, Adolfina Mesa, Montse González Álvarez e Xosé Otero Canto, actuando de secretario do tribunal Martiño Maseda, con voz pero sen voto.
A entrega de premios terá lugar o vindeiro sábado 19 de decembro, a partir das 18h, no local social de Pino (Cospeito).