“Xa ninguén cuestiona o papel vital das enfermeiras nos sistemas de saúde”

GaliciaXa | LugoXa
Eva Gómez, presidenta do Colexio de Enfermaría de Lugo, pon en valor o traballo que se fai desde o Colexio e analiza o sistema sanitario, que “afronta moitos desafíos estruturais de gran magnitude”
Colexio-de-Enfermería-de-Lugo-directiva
17 Jun 2026

Jessica Fernández

Como chega á Presidencia do Colexio de Enfermaría?

Ata 2024, a Xunta de Goberno estaba encabezada por Lourdes Bermello, mentres que eu ocupaba o cargo de tesoureira. Houbo eleccións e saín elixida. Teño un gran equipo de traballo ao meu lado e iso axudoume a tomar a decisión, foi complicado porque esixe moito tempo que lle quitas á túa esfera persoal.

Como valora este primeiro ano como presidenta?

Para min, significou darlle unha remuda ao Colexio, pero proporcionándolle continuidade ao traballo desenvolvido ata o momento, xa que os cambios bruscos nun colexio profesional non benefician á profesión. Que haxa unha continuidade cos programas e os traballos para que prosigan permite que medren e melloren. Así, a miña intención é dedicarme ao máximo ao colexio durante uns anos e despois pasar o testemuño. O importante é o proxecto, o obxectivo e o común; acadar logros para a profesión e que a profesión avance; e, loxicamente, que avance con Lugo.

Como funciona o Colexio?

Nós temos unha xunta de goberno, con nove membros, que está presente no día a día das enfermeiras/os. Todos traballamos no hospital, en atención primaria ou na universidade, e así achegamos a visión da realidade do sistema sanitario e tamén do mundo universitario. A Escola de Enfermaría é un piar estratéxico para a formación de profesionais que nutren a área sanitaria. Despois, contamos con dúas administrativas e con 2.400 colexiadas, somos o colexio sanitario máis numeroso da provincia de Lugo.

Que traballo se leva a cabo?

Un dos fins principais do colexio é ordenar o exercicio profesional da enfermaría e das súas especialidades. Ademais, actúa como órgano consultivo para a Administración e a universidade, participando a nivel nacional, a través do Consello Xeral, na elaboración de informes sobre o futuro e a evolución da profesión. A entidade tamén defende os intereses dos colexiados no seu ámbito laboral, atendendo tanto demandas colectivas como individuais, e vela polos dereitos dos pacientes e usuarios dos servizos sanitarios. Para iso, conta cunha comisión deontolóxica que asesora a Xunta de Goberno sobre o cumprimento dos principios éticos e do código deontolóxico, ademais de traballar para evitar o intrusismo profesional, xa que a colexiación supón unha garantía para a cidadanía. Entre as súas funcións tamén se atopa a promoción de servizos e prestacións para os colexiados, como programas de formación continua gratuíta, iniciativas de investigación, bolsas para máster e doutoramento, axudas para proxectos científicos, publicacións, congresos e premios de investigación. O colexio dispón asemade dunha rede científica de enfermaría e dunha publicación propia. A todo isto súmanse outros servizos, como un seguro de responsabilidade civil que cobre a actividade profesional dos colexiados e un protocolo de actuación ante agresións a profesionais. Ademais, organiza actividades sociais e de convivencia, como campamentos de verán e celebracións para as familias, viaxes ou actos de recoñecemento como a festa da excelencia profesional, na que se homenaxea a enfermeiros xubilados e a quen cumpre 25 anos de traxectoria, así como a entrega do premio Faustino Vilar a persoas ou institucións destacadas na defensa da profesión enfermeira.

E actividades con e para o resto da sociedade?

O colexio colabora con diversas entidades sociais e sanitarias en distintos proxectos. Un deles desenvólvese xunto a Cruz Vermella a través da ONG do Consello Xeral, Solidariedade Enfermeira, coa iniciativa “O teu benestar importa”. No marco deste programa repartíronse en Lugo 75 kits que inclúen roupa térmica, luvas, gorro, un termo, un kit básico de hixiene e un código QR con vídeos sobre consellos de saúde, como protexerse do frío, coidar a pel, que vacinas poñer ou como actuar ante unha emerxencia. Ademais, a través do programa ‘Educación de Saúde na Escola e na Familia’, desenvolven proxectos educativos para fomentar a educación sanitaria desde idades temperás, en colaboración con FAPACEL, organizamos obradoiros de educación afectivo-sexual, RCP e hábitos de vida saudables. Tamén traballamos nun novo proxecto denominado FASTHEROES, en colaboración co Concello, a Asociación Mundial do Ictus e a Federación Galega de Dano Cerebral, para ensinar aos nenos a detectar de forma precoz un ictus. O colexio mantén asemade contacto con asociacións de pacientes e pretende impulsar un programa de formación para coidadores informais, centrado en coidados básicos de persoas dependentes, como coidados posturais ou manexo da incontinencia. Tamén colabora con asociacións que solicitan apoio específico, como Dano Cerebral, ofrecendo formación e orientación sanitaria aos seus usuarios. Ademais, realiza intervencións puntuais con outras entidades, como a Federación Aeronáutica Galega e o comité de parapente, ás que presta soporte sanitario en competicións. Por outro lado, xunto co resto dos colexios sanitarios da provincia de Lugo organizamos cada seis meses xornadas interdisciplinares para achegar temas de saúde á poboación.

Que importancia ten o Colexio de Enfermaría en Lugo?

Creo que constituímos un piar estratéxico para garantir a calidade da atención sanitaria na nosa área sanitaria e para fomentar ese compromiso coa saúde da poboación. Somos ese nexo entre os distintos profesionais do equipo de saúde e coa comunidade, xa que somos o primeiro profesional ao que acodes e ao que te achegas. Neste sentido, temos a Escola de Enfermaría de Lugo, que é un valor engadido. Defendemos que a Escola de Enfermaría ten que consolidarse como unha Facultade de Enfermaría autónoma e independente da Universidade de Santiago, porque está formando enfermeiras altamente capacitadas e cada vez somos máis visibles e vese que somos máis necesarias.

Cales son os fitos dos que se sente máis orgullosa?

Eu síntome moi orgullosa de dous fitos. Un deles é que en xaneiro se convocaron as primeiras prazas de enfermaría especialista en xeriatría, algo que levamos anos reclamándolle á Consellería. Na nosa área sanitaria temos unha unidade docente multidisciplinar de xeriatría desde o ano 2020, onde se forman enfermeiras especialistas en xeriatría. Pero, cando remataban, non tiñan posibilidade de acceder a un posto de enfermeira especialista en xeriatría. Se querían traballar de enfermeira especialista en xeriatría tiñan que ir fóra de Galicia ou traballar de enfermeira xeneralista. É desperdiciar ese talento e parécenos totalmente incongruente que esteamos formando enfermeiras especialistas en xeriatría e que non lles esteamos dando esa cabida para traballar con esa poboación anciá pluripatolóxica de alta complexidade. Así que celebramos que este ano en xaneiro se convocasen prazas e se crease a categoría de enfermeira especialista en xeriatría. Outro dos fitos dos que me sinto máis orgullosa é que temos este ano varias sentenzas positivas a favor do recoñecemento da carreira profesional. A carreira profesional é unha retribución, un complemento que se vai adquirindo co tempo traballado e con uns criterios formativos e de compromiso coa organización e que cando se reactivou en 2018 só se permitía o acceso a persoal fixo. Non se permitía o acceso a persoal eventual e interino. En 2022 permitiuse o acceso a eventuais e a interinos, pero queriamos que se lles recoñecese desde 2018. E agora estamos recibindo sentenzas a favor de recoñecer a carreira profesional ás enfermeiras eventuais sen que repercuta no resto dos procesos posteriores desde 2018.

Considera que a Enfermaría está infravalorada?

Non considero que a enfermaría estea infravalorada. O papel vital das enfermeiras nos sistemas de saúde é algo que hoxe en día ninguén cuestiona. A pandemia púxonos en valor. Porén, arrastramos un pasado moi estereotipado. Ao ser unha profesión maioritariamente feminina persiste esa imaxe sexista. O coidado sempre se asocia a tarefas propias de mulleres, que é outro tópico que se está a romper. Cada vez estudan enfermaría máis homes e é algo máis normalizado. E creo que a Enfermaría xa non é un plan B, senón unha boa opción dentro da rama sanitaria.

Que opina da situación que atravesa o sistema sanitario?

O sistema sanitario afronta moitos desafíos estruturais de enorme magnitude. O envellecemento acelerado da poboación, o aumento da cronicidade, a maior complexidade clínica, cada vez é unha asistencia máis tecnificada, as tensións que hai en atención primaria, o déficit de profesionais en determinadas áreas e unha presión asistencial cada vez máis sostida. O que necesita o sistema sanitario é reorganizar capacidades, organizar adecuadamente os recursos para permitir que cada profesión exerza plenamente as súas competencias. Isto revierte no sistema sanitario e tamén no cidadán. O sistema sanitario está ancorado nun funcionamento de hai 30 ou 40 anos que non evolucionou. Porén, as profesións sanitarias evolucionaron moitísimo en competencias, en formación e en capacidades. O sistema sanitario non soubo adaptarse a esa evolución tecnolóxica, á sociedade nin á evolución dos profesionais.

Cales son os proxectos de futuro?

En 2029 fanse os 100 anos da creación do Colexio de Enfermaría de Lugo e queremos escribir a súa historia, xa que é importante reflectir o vínculo da enfermaría con Lugo e non deixar esquecer a nosa historia. O Colexio de Enfermaría creouse en 1929, cando os colexios profesionais se asentaron en Montevideo, no edificio de colexios profesionais, e enfermaría non puido porque non tiña esa capacidade económica. Entón, os colexiados compraron co seu propio diñeiro o local en Amor Meilán. Este local ten moito valor para nós, polo que queremos que sexa o arquivo histórico do Colexio de Enfermaría de Lugo, onde gardemos todos os rexistros e os documentos que imos recibindo e con todos eles escribir a súa historia para homenaxealo e facelo visible en 2029; e que sexa accesible a calquera persoa que queira consultar a crónica da enfermaría lucense ao longo dos anos. Paréceme un proxecto moi bonito, que non se perda esa información e recoller todo ese anaco da historia de Lugo.

0.12485814094543